Non haberá O Marisquiño en Vigo este ano… e nunca máis
Este luns pola mañá a empresa organizadora do festival, Factor Ulises, anunciou nunha nota de prensa que cancelaba definitivamente a próxima edición de O Marisquiño, un evento de referencia no mundo do deporte urbano. Ademais, remplantéanse a súa continuidade fóra de Vigo e de Galicia, polo que a nosa cidade quédase sen o seu festival estrela para sempre. (Fotos: P. Vázquez e U. Soliño)
Este 2021 non está comezando demasiado ben para Vigo. As cifras de afectados pola covid non son positivas e, en consecuencia, a escena cultural local está a sufrir gravemente. A última nova relacionada con isto é que O Marisquiño, que este ano celebraría 20 anos, cancela a súa edición de 2021, ademais de formularse a opción de continuar fóra de Galicia.
Hai dous anos, na rolda de prensa anterior á 19ª edición, a organización mostrábase moi optimista xa que tiña por diante o seu 20 aniversario e máis o Ano Xacobeo. Contando con que o ano pasado non se levou a cabo, este verán podería ter sido unha edición do máis especial ao xuntarse ambas celebracións, pero non vai poder ser. O principal motivo, segundo sinalan na nota de prensa, é “a imposibilidade de obter apoios institucionais suficientes para manter o evento cunhas mínimas condicións de calidade e seguridade admisibles para a organización. A falta de financiamento e outros obstáculos técnicos non permitían garantir a celebración en condicións adecuadas das Copas Mundiais de Skate, Dirt Jump e Basquet 3×3, ademais do BMX, que eran unha dos acenos de identidade do festival”.
Ademais de quedar un ano máis sen este evento, un dos máis importantes deste estilo en toda España, é máis que probable que non volva a ter lugar na nosa cidade, polo menos nos próximos anos: “non volverá celebrarse en Vigo no futuro dadas as dificultades que a organización atopou nos últimos anos para manter a súa aposta por celebrar o evento aquí a pesar dos seus grandes esforzos por conseguilo.
Parecía que este ano podería albergarse, a pesar das obras, no seu espazo habitual, aínda que non estaba claro se con público ou sen el. Nos últimos días comunicouse á organización que o principal apoio institucional de O Marisquiño, o Concello de Vigo, recortaría un 70% a partida que dedicaba ao evento que incluía ademais a achega realizada pola Deputación de Pontevedra. Máis aló de levar tres anos para arranxar o paseo das Avenidas, que cedeu durante a celebración do festival en 2018, desde o Concello non parecen moi interesados en manter un dos grandes atractivos estivais da cidade, a pesar de que Abel Caballero dixera en 2019 que “a Xunta intentou que o festival marchara de Vigo”.
Dado que a Xunta aínda non anunciou a súa financiación ao festival, sumado á drástica reducción por parte do goberno local, a XX edición era totalmente inviable: “Desde a organización comprendemos a situación de crise sanitaria e económica que vive a cidade e o mundo enteiro e pode ser comprensible que haxa que destinar fondos a atender outras prioridades. En todo caso, a empresa que organiza o evento non pode permitirse afrontar un segundo ano consecutivo de perdas nin tampouco continuar coa incerteza de saber cando será posible organizar de novo en Vigo un evento coas necesidades que implica O Marisquiño. Os patrocinios privados tamén experimentaron unha considerable caída e o apoio institucional era máis necesario que nunca nesta edición”.