REVISTA MAIO

O Marisquiño, máis olímpico ca nunca

A XXIII edición de O Marisquiño, que se celebra en varias ubicacións de Vigo do 11 ao 13 de agosto, contará de novo cunha gran presenza de deportistas internacionais como o polaco Dawid Godziek (Dirt Jump), o venezolano Daniel Dhers (BMX) o brasileiro Iván Monteiro (Skate) e o olímpico español Danny León (Skate). Tamén hai presenza galega con Miguel Guerrero, Marcos Veiga ou Eva Castro.

Un participante no Descenso do ano pasado | P. Vázquez

O polaco Dawid Godziek (Dirt Jump), o venezolano Daniel Dhers (BMX) o brasileiro Iván Monteiro (Skate) e o olímpico español Danny León (Skate) son algúns dos grandes nomes que estarán presentes nunha edición que converterá a Vigo nunha minisede olímpica durante a fin de semana do 11 ao 13 de agosto, xa que o programa do festival conta con catro disciplinas que forman parte do programa das olimpíadas de París 2024: Skateboarding, BMX, Basket 3×3 e Break Dance.

A extensión do festival por toda a cidade permitirá ao público gozar de grandes figuras internacionais do deporte urbano en distintos escenarios de Vigo. Samil concentrará cinco disciplinas (skate, BMX, Dirt Jump, Flatland e Break Dance) pero a acción tamén poderá gozarse na chaira do Naútico (Basket 3×3) e Porta do Sol (Batallas de Galos), ademais do percorrido do Descenso Urbano, desde O Castro ata o Berbés, que terá lugar o sábado.

Na disciplina do BMX O Marisquiño volverá contar cun cartel internacional de luxo coa presenza do británico Alex Kennedy, un dos grandes da modalidade de Street no panorama intencional; do estadounidense Jeremy Malott, medallista nos X Games na modalidade Park; ou o español Courage Adams, gañador das catro últimas edicións do festival vigués en Street. No apartado feminino destaca a presenza de Teresa Fernández-Miranda, unha habitual de OM que nunca baixou do podio nas súas participacións.

BMX | P. Vázquez

Skate e Dirt Jump

En Skate o evento volverá contar cunha destacada participación de deportistas internacionais entre os que se atopan o peruana Angelo Caro (5º clasificado nos Xogos de Tokyo), o brasileiro Ivan Monteiro (gañador en dúas edicións de OM, a última en 2022), e a gran figura do skate español Danny León, un dos habituais no festival desde hai anos. No apartado feminino tamén haberá presenza internacional destacada coa moza holandesa Keet Oldenbeuving (representou ao seu país en Tokyo) e a arxentina Aldana Bertrán (terceira en OM 2022), entre outras.

Skate | P. Vázquez

O Dirt Jump, seguramente a disciplina máis espectacular do evento, volve contar cunha gran nómina de participantes internacionais, coa presenza ademais do gañador do título o ano pasado, o vigués Miguel Guerrero, Carolo, que non dubidará en dar a batalla ante rivais moi importantes. Entre eles destaca a presenza do polaco Dawid Godziek, actual número dous da clasificación mundial, e outros riders como o británico Tom Isted (gañador de OM 2019) e o español Adolf Silva.

Dirt Jump | P. Vázquez

Descenso, Flatland e Basket

A esperada proba do Descenso Urbano, que este ano cambia de día para celebrarse o sábado, contará coa presenza de tres riders masculinos que acapararon 10 dos 11 últimos títulos de OM. Trátase do canario Edgar Carballo, o coruñés Marcos Veiga (gañador o ano pasado) e o portugués José Borges. A alta competitividade está garantida. No apartado feminino estarán, entre outras, a gañadora do ano pasado, Eva Yusto, e a galega Eva Castro, que gañou a proba de OM en catro ocasións.

Descenso urbano | P. Vázquez

En Flatland o nivel tamén será moi elevado cos españois Varo Hernández e Alberto Moya (gañador en dúas ocasións en OM) enfrontándose a figuras como o campión de Francia de 2022, Joris Bretagnolles, ou ao brasileiro Bruno Zebu.

Finalmente, o Basket 3×3 volverá contar cunha nómina moi destacada de equipos, tanto en categoría masculina como feminina. Entre os primeiros destaca a participación dos dous equipos finalistas do ano pasado Guipúscoa 3×3 e Santfeliuenc, así como do Basket Xirona, con baloncestistas ex-ACB como Nacho Martín e Alex Llorca. Entre as mozas tamén estarán as campioas de 2022, Azuqueca 3×3, e outros equipos destacados como Valencia Basket e TC Panthers.

Basket 3×3 | P. Vázquez

Apartado musical

Soará en Samil a música de Sticky M.A. (trap español), Pongo (a raíña angolana do kuduro), Albany (sad trap de España), Munic HB (barcelonés de orixe gambiano, nova promesa do trap en España), Oddliquor (madrileño con sons que van desde o R&B á electrónica, pasando por dancehall e o trap), Beauty Pikete (novo talento da canteira local, que xa conta con colaboracións con artistas como C.Tangana). Completan a oferta musical sesións de DJ e showcases de colectivos: Sote e SayaAnita B Queen, as viguesas Antípoda e J.CurtoClara!, Antídoto, Neo2000KLUB, Polenta, POL4KA e VerusK.

Pongo