‘No chan’: As pegadas de Vigo na Fundación Laxeiro
A cidade de Vigo na Fundación Laxeiro ou, máis ben, as súas beirarrúas, o seu camiñar, a pegada indelébel dos seus transeúntes. Así é No chan, a exposición que o artista Ignacio Pérez-Jofre (Madrid, 1965) presenta agora na súa sede: unha aproximación á paisaxe urbana desde o rexistro do corpo sobre as súas rúas.
Comisariada por Javier Pérez Buján e sumida nunha montaxe dunha brillante austeridade, case industrial, a mostra é o resultado das indagacións do artista durante os últimos anos, nas que a pegada vólvese un proceso en si mesmo para a creación da obra. Deste xeito, atopámonos cunha serie de pezas sobre papel realizadas nas rúas de Vigo a partir da técnica frottage. Este procedemento, inaugurado por Max Ernst nos anos vinte, foi moi utilizado polos surrealistas e, desde aquel albor, pasou a ser moi empregada por diversos artistas ata os nosos días. Consiste na impresión dunha imaxe mediante o contacto e frotado de dúas superficies. No caso da obra de Jofre, as terras do lugar transfírense ao soporte e vólvense pigmentos que rexistran as tramas dos deseños das súas beirarrúas. Así, Vigo deixa a súa pegada sobre o papel.
Sen continuidade entre elas, cada peza de 200 x 150 cm atrápanos cunha distribución que non fai senón salientar o carácter urbano da propia mostra. Pola súa banda, o título da exposición non só fai referencia ao motivo das obras que podemos ver ao visitala, senón ao feito de que cada unha delas está realizada cos pés, pisando o chan, deixando entrever así a relación que existe entre o corpo do artista e a súa creación. É un achegamento á acción pictórica que se afasta dos elementos tradicionais da pintura. Co seu peso e o seu movemento, o artista convértese no elemento clave para a elaboración da peza. Ignacio Pérez-Jofre atenúa así a carga subxectiva do proxecto, outorgándolle ese carácter de rexistro que ten moito que ver coa obsesión do artista por afirmar a presenza e a existencia das cousas, sempre desde unha actitude de dúbida permanente sobre a consistencia da realidade.
No chan retoma o interese de Pérez-Jofre polos procesos pictóricos xerados mediante técnicas de rexistro e transferencia da imaxe que xa foran o tema central da súa tese doutoral. Profesor Titular no Departo de intura da Universidade de Vigo, o artista iniciou a súa carreira a mediados dos oitenta e, aínda que se define a si mesmo como pintor principalmente, a súa dilatada actividade comprende ademais performance, acción, instalación, fotografía e vídeo arte. Por mor dos seus percorridos urbanos, realizou diversas series como Diario, Gracias por su visita, Transeúntes desconocidos ou Escombros, entre outras; e a súa fascinación pola cidade levouno tamén a realizar numerosas intervencións en espazos públicos, como Árbol e Vida nocturna, ambas dúas en Vigo; Fantasmas, en Madrid; ou Escombro mural, en Valladolid.
A exposición, que se viu aprazada polas últimas restriccións por mor da actual situación da Covid-19, poderase visitar por fin desde o 19 de febreriro ata o 2 de maio de 2021.
Judith R, Iglesias
Últimos posts de Judith R, Iglesias (ver todos)
- Cos pés na terra - 31 Marzo, 2021
- ‘No chan’: As pegadas de Vigo na Fundación Laxeiro - 20 Febreiro, 2021