VIALIA
bannerPicnicSesions

A Fundación Laxeiro continúa a descubrir a obra inédita do pintor

Laxeiro descoñecido II. Obras inéditas de segunda época achega unha coidada selección de vinte e catro debuxos e pinturas datados entre finais dos anos cincuenta e o ano noventa, todos eles procedentes de coleccións particulares que nunca se mostraran ao público ata hoxe. Trátase de obras inéditas, catalogadas pola Fundación Laxeiro despois da publicación do Catálogo Universal en 2009. Poderá visitarse ata o 2 de outubro na sede da Fundación, no cuarto andar da Casa das Artes.

Dentro das actividades programadas no Ano Laxeiro, con motivo do acordo da Real Academia Galega de Belas Artes de dedicar a Laxeiro o Día das Artes 2022, a Fundación Laxeiro ofrece a segunda achega da serie titulada Laxeiro Descoñecido, que continúa mostrando unha pequena parte do traballo de investigación e localización de obra que a Fundación Laxeiro vén desenvolvendo dende o seu inicio. As obras inéditas que se mostran, abarcan un período que vai dende finais dos anos cincuenta, ata o ano noventa, un período no que Laxeiro rompe coa noción de estilo único, abrazando un eclecticismo que ilustra a liberdade creativa do pintor e a busca do seu propio camiño, unha vez superados os postulados que caracterizaron ao grupo de Os novos, na primeira metade do século XX.

O traballo de investigación é quizais a faceta menos coñecida das fundacións culturais e os museos. Dentro da investigación, a localización, autenticación e catalogación de obra de Laxeiro, é unha tarefa constante que a Fundación Laxeiro vén realizando dende o seu inicio, o que posibilitou a publicación do Catálogo Universal do artista en 2009, con tres mil cincocentas obras catalogadas, sendo a primeira catalogación exhaustiva dun artista galego. Dende aquel ano ata hoxe, a Fundación Laxeiro continuou con este labor, que non sería posible sen a colaboración desinteresada dos membros do seu comité artístico.

Laxeiro descoñecido II. Obras inéditas de segunda época ilustra, a través dunha escolma de vinte e catro obras, ese eclecticismo que caracterizou a obra do artista, a partir dos anos cincuenta. Na mostra inclúese figuración expresionista e granítica e tamén abstracción, tanto na súa vertente xeométrica como orgánica, conformando un repertorio de solucións expresivas que dá boa conta da versatilidade dun Laxeiro xa maduro e plenamente inserido no mundo profesional da arte.

REVISTA ABRIL

A súa estadía en Bos Aires (1950-1970) resultou decisiva, tanto na apertura a novas linguaxes, como na súa profesionalización, mais esta última nunca supuxo para o artista unha servidume de estilo, como adoita acontecer con frecuencia con outros autores que, unha vez acadada unha fórmula de éxito, vense atrapados no seu propio estilo por imperativo do mercado. Laxeiro, pola contra, parece utilizar o seu éxito para ampliar a súa liberdade creativa, de xeito que a súa variedade de rexistros forma parte intrínseca do interese do seu traballo, como un sinal de identidade irrenunciable.

A súa narrativa segue buscando inspiración na cultura popular, ás veces cunha tenrura inédita con respecto á súa primeira época. Mesmo cando revista a súa característica estética granítica, semella facelo sen o tenebrismo que caracterizara as súas obras dos anos trinta e corenta. Noutros casos, leva esa narrativa a unha sorte de surrealismo onírico que sorprende pola súa pegada nomeadamente laxeiriana e, dende aí, mergúllase nos camiños da abstracción, nos que o misterio articula todo o relato, ben no ámbito da xeometría, sempre levada á sensualidade do seu trazo, ou no ámbito do xesto máis espontáneo.

Recordamos tamén que Laxeiro foi o protagonista da nosa revista de abril deste ano, cuxo artigo central repasa a súa figura e algunhas das actividades que están a ter lugar neste ano tan sinalado.