COSTEIRASONORA
REVISTA VERAN

Cos pés na terra

A Fundación Laxeiro viste agora coas pegadas de Vigo, mostrando o paso do tempo plasmado nas paredes que reflicte a relación da xente coa contorna. Falamos con Ignacio Pérez-Jofre,artista e profesor da Universidade de Vigo, sobre a exposición No chan, que poderá ser visitada ao longo de todo o mes, poñendo as beirarrúas da cidade sobre o papel.

De onde che vén o interese pola paisaxe urbana?

Eu vivo na cidade e nela dou con moitos motivos de pensamento. É un lugar de composición, de tramas e relacións persoais; maneiras de vivir que se superpoñen.

Que nos poden achegar as pezas expostas?

Interésame dirixir a mirada a algo no que non adoitamos reparar: o chan. Cada pavimento ten unha historia e podemos intuír a implicación que require un deseño determinado. Cada peza remite a unha época cunha temporalidade propia.

Cal foi o proceso de traballo para obter a obra?

A obra que agora expoño provén dunha serie anterior, Suelos, na que o que facía era deixar o papel no chan e agardaba a que a xente pasase por riba, xerando unha pegada colectiva e anónima. Pero eu son pintor, non podía pasar a vida deixando que as cousas se fixesen de por si, polo que tiven a necesidade de meter o pé no proceso: agora son eu o que pisa o papel, introducindo ademais a terra como pigmento.

É sorprendente que o resultado resulte tan limpo.

Sorprende porque temos a impresión de que pisar terra sobre un papel en branco vai poñer todo perdido. Estes procesos que xogan co azar, temos a idea do descontrol, pero o certo é que resultan esteticamente moi limpos e austeros.

Pódese identificar algunha rúa?

Hai unha peza moi interesante porque reflicte unha beirarrúa que xa non existe. Trátase dunha lousa de hai cinco ou seis décadas que pertencía ao tramo da rúa de Lepanto que se derrubou recentemente co derradeiro vestixio do chamado scalextric. Para min posúe certo carácter arqueolóxico: conseguín recoller nese xacemento un fragmento histórico antes de que fose borrado.

Como é traballar cos pés na terra?

É todo un descubrimento. Tendemos a simplificar de máis as cousas. Se pensamos na terra, supoñemos que se trata de algo marrón que está aí, sen máis, pero reparando nela podemos observar que ten uns matices infinitos. A orixe prehistórico-técnica da pintura é a terra; de súpeto, atopeime volvendo á orixe baixo o contexto da cidade e co factor da influencia do home. Nunha das pezas da exposición a terra é particularmente negra porque pertence á saída dunha autoestrada, polo que se mestura coa feluxe dos coches. A nosa presenza altera a natureza, por iso non vou buscar a terra do campo, senón que recollo a da rúa na que realizo a peza.

Judith R. Iglesias
Redactora

Pablo Vázquez
Fotógrafo

[Esta reportaxe foi publicada na revista A Movida de abril 2021 . Podes consultala na versión dixital ou facerte con ela de formar gratuíta nos nosos puntos de distribución. Se queres apoiar o noso proxecto e comezar a recibila na túa casa faite #AMOVIDALOVER ]

SONRIAS
The following two tabs change content below.

Judith R, Iglesias

Últimos posts de Judith R, Iglesias (ver todos)