CAMELIAS MASCOTAS

Nin Batman quere perderse o 40º aniversario da Orquestra Clásica de Vigo

A Orquestra Clásica de Vigo, a máis antiga de Galicia, celebra este 2024 o seu 40º aniversario cunha tempada ata maio na que destaca o recital do 11 de outubro, no que interpretarán a banda sonora das tres triloxías de Batman.

A Orquestra Clásica de Vigo, ou A Clásica, nace en 1984, en plena Movida viguesa, co fin de formar músicos e innovar dentro da música clásica. Foi fundada por trece alumnos do Conservatorio Superior de Música co profesor Manuel Martínez Álvarez-Nava á fronte. Catro décadas despois, Martínez continúa de director da agrupación, e o seu fillo Manuel exerce de director técnico. Segundo os datos obtidos por este último, ao longo de todos estes anos pasaron pola orquestra 650 instrumentistas, 145 soliestas e interpretaron 500 obras.

A Clásica propón un programa de seis concertos ata maio para ofrecer unha oferta cultural estable e seguir sendo vixentes e actuais. A orquestra decana volve apostar polos solistas galegas e vigueses, mesturando o seu talento co de outros músicos de fóra de Galicia e España, como o caso do Ensemble Vocal Pro Musica de Porto.

Os dous Manuel Martínez, pai e fillo | A Clásica

Na tempada 24-25 atopamos os nomes de Haydn, Beethoven ou Mozart, pero tamén o do superheroe Batman. O venres 11 de outubro A Clásica interpretará, no Teatro García Barbón, as bandas sonoras das tres triloxías de popular home morcego, obra de Danny Elfman, Elliot Goldenthal, James Newton Howard e Hans Zimmer. No mesmo espazo, o 29 de decembro celebrarase o clásico Concerto Extraordinario de Nadal, onde o ano pasado chegaron a subirse ao mesmo escenario 75 músicos.

Tanto o abono para toda a tempada (80 €) como para os concertos individuais (desde 6 a 17 €) están dispoñibles na web de Ataquilla.

2024

REVISTA NOVEMBRO

21/09 Sección de vento da Orquesta Clásica de Vigo – Auditorio Municipal
11/10 Batman – Teatro García Barbón
29/12 Concerto Extraordinario de Nadal – Teatro García Barbón

2025

21/02 Haydn e a Orquestra Clásica – Auditorio do Teatro García Barbón
12/03 Mozart+Respighi – Auditorio do Teatro García Barbón
10/05 Beethoven: Misa en do maior – Teatro García Barbón

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.