Najla Shami: «O que está pasando en Palestina vai repercutir en Europa»
A cantante galaicopalestina Najla El Shami Martínez (Santiago de Compostela) sigue co corazón nun puño as noticias que chegan desde Gaza. Residente en Vigo desde hai oito anos, envelénase coa pasividade dos gobernos occidentais ante este masacre e tamén coa pésima situación laboral dos artistas en Galicia. Aínda que a súa dozura natural non a abandona, fala vehementemente para afirmar que o consumo que fagamos é clave para cambiar ambas as dúas situacións.
Como empezaches a cantar?
Empecei de moi cativa, porque veño dunha familia moi musical. De feito, as primeiras cancións fíxenas no camiño da casa á escola, logo no instituto estiven vencellada a bandas de heavy metal. Dun xeito moi natural, aos 17 anos deixei o conservatorio e púxenme a tocar en Compostela temas que eu mesma compoñía coa guitarra. Despois veu a etapa de Fía na Roca e outros grupos folclóricos.
Entón aos 17 anos xa tiveches claro que te querías dedicar á música?
Sendo sincera, é algo que non souben ata hai moi pouco. O feito de compartir cos demais foi algo que sempre puxou por min para seguir adiante, pero teño a sensación de que interiormente non tiña unha decisión tomada. Como as condicións laborais dos artistas son tan malas, sempre tes que estar buscando un plan B, non podes tomar unha decisión guiada polo corazón. É inxusto.
Coa túa traxectoria, como é que tardaches tanto en lanzar un traballo en solitario?
Penso que necesitaba crer en min mesma e paréceme que iso é algo que aínda estou atopando agora. É moi complicado vivir de ser artista neste país e socialmente hai ideas que te van marcando aos poucos. Por exemplo, cando eu chego á casa e digo que quero dedicarme a cantar, a primeira cousa que se me di é que o da música é un pasatempo. Sempre hai mensaxes entre liñas que che din que non podes. E logo tes que bater con muros por ser muller, por ser galega, por cantar en galego… Agora hai algunhas artistas que están rompendo con iso, pero non é o habitual.
Pasaches por momentos en que pensaches en deixalo?
Si, por moitos. Veño dun momento así enorme. Eu tardo moito en publicar; preciso ter algo que contar desde a honestidade, desde o interior, por iso os meus discos levan un tempo. O factor económico tamén inflúe moito, porque agora mesmo custa moi caro sacar un disco.
A sociedade de consumo actual vai en contra do proceso creativo?
Abofé. É que isto é como muxir unha vaca, ti non podes estar a sacarlle o leite todos os días. As cousas precisan un tempo, ademais de que os ritmos de cadaquén son diferentes. Penso que a sociedade está nun punto en que non sabe desfrutar das cousas. O desfrute require un proceso que tamén é longo, porque necesita un repouso e un pouso… e iso non se comprende.
Que poderían facer as administracións para mellorar a situación dos artistas?
Unha reforma laboral. Deberíase crear un estatuto para artistas; que se lle outorgue un valor ao que facemos, porque detrás dun concerto hai un traballo de moitas horas. E, sobre todo, necesítase educación cultural e revisar que cultura é a que se consome. Cultura e valores deberían ir da man. Cando hai unha sociedade educada na cultura, o demais xorde por si mesmo.
E que pode facer a sociedade en xeral?
Consumir de xeito responsable, non deixarse levar pola maquinaria da industria, valorar a música en directo… Aquí hai moi mala educación nese sentido e a moita xente cústalle pagar por asistir a concertos. Tamén hai moita xente que vai a concertos e non atende á actuación. Non se valora nin se promove o traballo artístico, que ao final contribúe ao patrimonio social.
Que te trouxo a instalarte en Vigo?
Esta é unha cidade coa que sempre estiven vencellada. Teño moitos amigos aquí, os meus mozos foron todos de Vigo e os músicos cos que sempre toquei eran de aquí. Sempre me movín moito nesta cidade e souben que acabaría vivindo aquí. Gústame moito isto; a xente é moi traballadora, pero tamén se sabe divertir sen parvadas, pasalo ben e compartir; iso encántame. Ademais conquístanme cousas como a luz, o mar… Estou namorada desta cidade.
Como ves a escena musical viguesa?
Aquí falta moito apoio á cultura propia. Vigo ten a vontade de defender cousas particularmente de seu, pero penso que a nivel da música debería reforzarse esa defensa, que as administracións apostasen de verdade polo de aquí. Cómpre promover festivais que comprometan en serio a cidadanía, que axuden e promovan a cultura de proximidade. Fai falta un selo de identidade propio, que estea conformado por figuras da escena viguesa, tal e como foi a movida dos oitenta. Hai que defender este tipo de eventos, tal e como se defenden outros, e pedir o apoio e a asistencia da poboación; darlles a mesma proxección que se lle dá ao acendido das ás luces do Nadal, por exemplo. A identidade propia haina que cultivar, e iso pasa pola cultura.
Na túa música hai moito de folclore galego, pero tamén do norte de África ou de América do Sur. Que te levou a explorar eses sons?
Teño moita familia na Arxentina por parte de miña nai e meu pai é de Palestina. Penso que eu son así, o resultado dunha mestura. A música folclórica ten unha pulsión que me move por dentro. Penso que cando alguén escoita algo da súa terra, esperta o acervo. Iso é un pouco o que me pasa a min.
Publicaches en 2019 o libro-disco Ela sabe a sol. Como afectou a pandemia do coronavirus a xira que tiñas prevista?
Esa foi unha das situacións polas que entrei nunha crise total que me levou a tomar moitas decisións. O investimento que se fai para sacar un disco é enorme e, de súpeto, a pandemia deixoume sen poder traballar. Foi un golpe moi duro, a verdade.
Á medida en que fomos recuperando a normalidade, non puideches mover ese álbum?
Sentín que a mensaxe que quería transmitir xa estaba moi lonxe. Pasaran moitas cousas neses dous anos de reflexión. Entón tomei a decisión de centrarme máis no ensino e ver que era o que quería facer a partir de aí.
O disco nace dunha temporada no Oriente Medio; por que decidiches ir ata alá?
Tiña a necesidade de explorar aqueles sons e ver que podía achegar a miña heteroxeneidade. Sinto moito respecto polo traballo, antes de empezalo quero saber se o vou facer ben, aínda que despois tome certas licenzas. Por iso decidín trasladarme a Xordania e estudar canto clásico árabe, descubrir como funciona a música tradicional e mergullarme naquilo. Tamén aproveitei para visitar Palestina e serviume para botar fóra moitos conceptos preconcibidos que tiña e darme conta de que as cousas estaban peor do que eu imaxinaba.
Como estás vivindo o que acontece agora alí?
Descarnadamente mal. O que máis me custa aceptar é o silencio ante as cousas que están pasando, a lentitude coa que se toman decisións e a pouca solidariedade que hai entre pobos. Si que noto que hai moita xente que por fin está apoiando a Palestina, despois de 75 anos de conflito. É necesario que a sociedade se entenda en comunidade. Se non berras por un irmán, quen vai berrar por ti?
Que conclusión puideches sacar do conflito durante esa visita?
Que as cousas non se van arranxar, van ir a peor. E van ir a peor porque isto non é unha cuestión de relixión, senón que detrás aquí hai uns poderes económicos brutais, por iso non paro de dicir que o consumo responsable é a arma social máis potente que temos. O que está acontecendo alí ten un afán de control: sobre o gas e sobre o petróleo. É o control dunha zona estratéxica ante o que os gobernos agachan a cabeza no canto de facer fronte para non permitir barbaridades. Agora tócalle a Palestina, pero as cousas que pasan alí deciden moitas cousas que acontecen en Europa. Agora non se ve, pero xa se verá. Moita xente está durmida.
Que solución propoñen os palestinos desde alí?
A solución é moi difícil agora mesmo desde alí. Hai xente que o único que quere é vivir tranquilamente e que conviviría con israelís, pero tamén hai xente que non aceptaría esa convivencia e hai xente máis radical. Pero penso que ninguén ten unha solución. Que lle podes pedir a unha criatura que non pode ir ao colexio sen medo? Os pais non teñen traballo, na casa non teñen auga nin electricidade. A quen teña a sorte de ter un pozo, tápanllo con formigón, nos barrios de Xerusalén esparéxense augas fecais polas noites… Que se lle pode pedir a alguén que viva así?
Puideches achegarte ao que pensan os israelís?
Na sociedade israelí hai dúas partes moi diferenciadas: a ultradereita e unha sección de esquerda que se están manifestando nos territorios ocupados para pedir o cese do fogo. Teño amigos nesa esquerda, xente que se move contra o goberno israelí, pero é pouca xente. Non hai que esquecer que a sociedade israelí pasou por un lavado de cerebro considerable. Están saíndo vídeos de nenos cantando cancións nas que se cantan con consignas a prol de matar os palestinos e do albor da civilización israelí. O nazismo replícase.
Como é que o pobo xudeu, despois de padecer o Holocausto, pode estar agora reproducindo tal xenocidio?
Hai moitos xudeus que están en contra do que está pasando e non lles gusta que se lles chame xudeus aos sionistas. O sionismo non é un movemento relixioso, senón que está motivado pola economía e o poder. Unha gran parte dos israelís ten o cerebro lavado desde a infancia. Nas historias que lles contan e nos libros que len dise que os árabes son malos, que lles van roubar… Se cos anos cae venda os ollos dos israelís e ven a realidade, será un momento moi tráxico para eles, e eu sentiríao de corazón.
Acabas de publicar un tema novo, «Antela»; en que estás a traballar?
«Antela» é unha canción folclórica da que fixen os arranxos e a adaptación. Nos traballos que estou facendo agora quero intentar que soe a música que levo dentro. As mulleres temos o hándicap de traballar decote con producións masculinas e cómpre unha visión máis feminina. Dede hai un tempo que estudo a produción musical e, aínda que me queda moito por estudar, os coñecementos que teño sérvenme para poder ir conseguindo eses sons que imaxino. Espero publicar antes un par de cancións novas no próximo medio ano. Estou traballando con sons moi novos, gústame absorber a novidade, pero sen perder o celme nin deixarme arrastrar pola industria.
Eses temas novos formarán parte dun disco?
A idea de sacar singles acáeme, porque ás veces compoño temas que non forman parte dun traballo global, pero si que contemplo sacar un disco. O que xa non teño tan claro é se o farei en formato físico, tal e como están a sociedade e os prezos. É bonito, pero non sei se é funcional.
Que lle pides ao 2024?
Pediría apostar polo próximo. Pensar na sociedade como conxunto e deixar de lado o individualismo. Cando a enerxía de moita xente se une, o movemento é moi potente. Temos que loitar por iso e deixar de estar tan pasivos.
Tamara Novoa
Editora
Pablo Vázquez
Fotógrafo
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Ledicia Costas: «O humor e a infancia moven o mundo» - 25 Outubro, 2024
- Mariña López: «O museo da industria conserveira non debería estar no monte» - 29 Agosto, 2024
- Villa Idalina, pícnic privado con vistas ao Miño - 12 Xuño, 2024
- Ailén Kendelman: «A través do humor podemos saír de situacións dolorosas» - 28 Maio, 2024
- Bruno Arias: «A xente está decatándose de que unha película en galego pode ser boa» - 25 Abril, 2024