MUTA, un espazo mutante para todo tipo de eventos no corazón de Vigo
Tras diversas experiencias relacionadas co mundo da arte, as irmás Inés e Eva Román abriron en 2018 MUTA, un espazo polivalente para eventos de todo tipo no centro de Vigo. MUTA destaca pola súa versatilidade, polo seu coidado estético e polo seu gran tamaño, con case 400 metros cadrados que inclúen cociña, despacho e salas de reunión e de proxeccións.

En 1960, Joaquín Bobillo González abre na rúa Joaquín Loriga 9 os icónicos Almacenes Bobillo. Varias décadas despois, no 2004, Inés Román abre neste espazo a galería adhoc xunto coa súa nai, especializada en arte contemporáneo conceptual. O seguinte paso, da man da súa irmá Eva (responsable dun centro de xestión privada con talleres artísticos e sociais en Santiago), foi abrir MUTA en 2018, un espazo polivalente ideal para celebrar todo tipo de eventos. As irmás Román botaban en falta este tipo de instalacións, que ata hai uns anos só podías atopar nos baixos dos hoteis. MUTA eríxese como o espazo idóneo para conferencias, presentacións, proxeccións, eventos empresariais, catas de viños, formacións, reunións e un longo etcétera.

Ademais de acoller eventos alleos, MUTA ten a súa propia programación, entre a que atopamos eventos tan interesantes como a feira de viño galego Entreviños ou Mutacións, un evento multidisciplinar organizado xunto á Fundación Carlos Casares e Mariana Carballal no que se mesturan sen prexuízos música, arte, danza, teatro ou literatura. Ente actividades propias e externas, MUTA acolleu nestes sete anos de vida reunións de Mulleres Atlánticas, proxeccións de cinema mudo musicado en directo por Caspervek, o mercado Arizona Vintage, a reunión anual de Artai, a III Xornada Gastronómica do Gerês-Xurés ou unha edición do Galician Freaky Film Festival.


MUTA destaca pola súa versatilidade, amplitude e encanto. A súa arquitectura privilexiada, con teitos altos e luz natural, combínase cunha decoración que inclúe mobiliario de deseño e obras de arte. O espazo conta con diferentes áreas: un recibidor de 89 m², unha cociña totalmente equipada e con enxoval propio, un despacho para reunións íntimas, un gran espazo de 78 m² situado no antigo almacén de adhoc e outra zona aínda máis ampla, de 100 m², con entrada independente e ideal para presentacións, celebracións ou reunións.

O proxecto das irmás Román quere ser un reduto da cultura underground galega e viguesa, tan afastada da tendencia actual dos eventos de masas. Para opoñerse a esta “caída libre” da cultura local (en especial no apartado público), en MUTA tentan crear un ambiente que favoreza o diálogo e o debate.

Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- MUTA, un espazo mutante para todo tipo de eventos no corazón de Vigo - 28 Febreiro, 2025
- EmigraSON: o mellor festival galego celébrase en Bruxelas - 24 Febreiro, 2025
- O Celta e os murais, unha relación problemática: Lula Goce e Davida denuncian malas prácticas - 14 Febreiro, 2025
- Atípico Circo: malabares, equilibrios e diversión en familia - 4 Febreiro, 2025
- Vigo queda fóra do mellor da cultura galega e sitúase en último lugar a nivel estatal - 30 Xaneiro, 2025