CAMELIAS MASCOTAS

Música viguesa e natureza no festival gratuíto Picnic Sesions de Saiáns

Picnic Sesións celebra a segunda edición os días 1 e 2 de setembro en Saiáns. O festival mantense fiel a dar protagonismo á música viguesa con Aphonnic, Los Pontiaks, Zalomon Grass, Zeltia Irevire e The Mirror como protagonistas do cartel.

Picnic Sesións 2022 | Foto: Paula Cermeño

Baixo o lema “Natureza, cultura e comunidade” a Asociación Lideiras organiza por segundo ano o festival gratuíto Picnic Sesións, unha xornada protagonizada pola música viguesa, na que tamén se desenvolven obradoiros para nenos e maiores, mercado e zona gastro. Un auténtico picnic cultural con vistas á ría para despedir o verán.

O festival de Saiáns renova o seu compromiso coa música viguesa, cun cartel cheo de nomes coñecidos, tal e como fixeron na primeira edición. O grupo de metal Aphonic estará despedindo o seu disco La Reina co que xiraron por todo o país e Los Pontiaks porán a bailar ao persoal co seus ritmos Boogie, Rock’n’Roll clásico dos 50, Exotica e Swing. O rock setentero con aires de blues e psicodelia do power trío Zålomon Grass tamén nos fará mover a melena o sábado noite.

Na sesión vermú encontrarémonos coas melodías de Zeltia Irevire, cantante e compositora do Morrazo que actúa en compañía de violín e percusión e a partir das 16:00 h con The Mirror, banda que fusiona rock, soul e funk con temas propios e versións.

REVISTA NOVEMBRO

Máis aló do musical, Picnic Sesións organiza actividades tan interesantes como unha ruta cultural polo Parque Forestal, guiado por Uxío González, integrante da Comunidade de Montes e gran coñecedor do terreo. Será a única actividade do festival o venres 1 e comeza ás 17:00 h no merendeiro do parque.

O festival tamén organiza un concurso de pintura rápida que leva o nome do artista vigués Mingos Teixeira. Neste orixinal concurso, que conta cunha modalidade infantil e outra a partir dos 14 anos, os participantes terán que retratar a paisaxe de Saiáns in situ e nun tempo máximo de tres horas. A experta en plantas Nenaplantasflow ofrecerá un obradoiro de Hapa Zome, un arte de estampación botánica xaponesa que consiste en golpear flores e follas cun martelo contra a tea, para que esta quede impregnada dos seus pigmentos. 

Os nenos poderán desfrutar da xornada de actividades ao aire libre. Para eles está especialmente pensada a actuación de Peter Punk a mediodía e o espazo de xogo con brinquedos tradicionais, pero tamén poderán participar dos obradoiros, a ruta e os concertos. Programa familiar detallado aquí.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.