Música en directo pola semana
O habitual é que os concertos teñan lugar na fin de semana, especialmente os venres e sábados. Con todo, e a pesar de non ser tempos sinxelos para organizar eventos, a oferta musical viguesa esténdese tamén durante a semana.
MARTES
Xa desde hai bastantes anos, os martes en Vigo son para o jazz, especialmente na Casa de Arriba. O pasado 16 de novembro volvían as famosas jam sessions ao local churruqueiro, polo que xa pasaron unha media ducia de bandas.
MÉRCORES
Tamén en novembro comezou no Sinatra Coctel Bar unha proposta do máis interesante: os mércores de rock, que se celebran de maneira intermitente este día da semana. Baixo o curioso nome de MC4, os músicos locais Fran Rodríguez, Óscar Avendaño, Andrés Cunha e Loza se xuntan para facer versións e pasar un bo anaco. Ademais, cada xornada contan cun artista invitado.
Outro local que nos últimos meses acostuma a programar nesta xornada é o Maispalá, que malia non recuperar as inimitables Solo Sessions polo momento, segue fiel á súa actividade cultural.
XOVES
A Sala Kominsky parece ser a protagonista do cuarto día da semana, pois coa chegada do novo ano pretenden programar ao mes dous Fritanga Session e unha Sesión HALO, sempre os xoves. As primeiras caracterízanse pola liberdade creativa absoluta dos seus participantes, algo similar ao que acontece nas segundas, que consisten en jams totalmente improvisadas. A intención da sala a partir de febreiro é programar o último xoves do mes unha jam de música folk.
Este día da semana, sobre as 19:00, tamén é habitual presenciar música en directo no escenario principal do Centro Comercial Vialia.
VENRES
A oferta musical dos venres xa é ampla dabondo nas numerosas salas da cidade, mais o Café Uf acaba de incorporar un ciclo de concertos do pianista Velpister todos os venres de xaneiro a partir do día 14.
DOMINGO
Aínda que tecnicamente é fin de semana, non adoita haber demasiados concertos os domingos. A Sala Kominsky tamén ocupa ese oco coas jams vocais, que se celebran de maneira mensual. Ata agora tiñan lugar o último domingo do mes, pero a partir do 6 de febreiro pasan ao primeiro.
Un dos locais que máis arrisca neste aspecto e aposta máis pola música entre semana é Radar Estudios. Nos últimos meses programaron concertos de artistas como Bigott, MadMadMad ou Los Jinetes del Trópico entre semana, e teñen outros preparados para os seguintes meses: Children of Zeus o mércores 9 de febreiro, Gruff Rhys o martes 15 de marzo e Porridge Radio o xoves 21 de abril.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- O libro que demostra que os anos 80 en Galicia foron moito máis que a Movida Viguesa - 29 Novembro, 2024
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024