CASAACUNHA

Unha noite única nas Solo Sessions do Maispalá

Desde hai xa uns meses, decenas de persoas reúnense cada mércores no Maispalá para gozar das Solo Sessions, un formato único no que escoitar a varios artistas nunha mesma noite, iso si, sen poder velos. Pode soar raro, e de feito o é, o cal lle dá aínda máis encanto a este histórico local do centro de Vigo.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Eran pouco máis das oito da tarde cando cheguei ao Maispalá, un local con décadas de historia situado na empinada Rúa de Manuel Núñez. Esperaba atopar bastante xente alí dentro, mais para a miña sorpresa, estaba baleiro. “Recén abrín agora”, di Séraphine, unha das donas do Maispalá. Polo visto, aínda que no cartel puña que os concertos eran ás 20:00, en realidade son ás 21:30.

O que en condicións normais sería pasar unha hora e media tomando algo alí aburrido ou ir a dar unha volta para facer tempo, converteuse nunha divertida charla coa extrovertida Séraphine e cos clientes que pouco a pouco foron aparecendo co paso dos minutos. Finalmente, esa hora e media pasou voando.

Séraphine cóntame que a idea das Solo Sessions xurdiu dela, e que levaba moito tempo desexando facelas. Con 4 meses de percorrido, o balance que fai é totalmente positivo, con días de cheo absoluto no local. Tanto músicos como público están encantados con esta iniciativa, situada os mércores sobre ás 21:30 para non “pisar” ás jams doutras salas.

Banner A Movidiña

Pero que teñen de especial as Solo Sessions? Para os que algunha vez estivéchedes no Maispalá, seguro que coñecedes as súas estreitísimas escaleiras e o pequeno oco que hai entre os andares. Pois alí, nese diminuto recuncho dun metro cadrado, van desfilando distintos músicos ao longo da noite, compartindo a súa música cos asistentes, pero non a súa imaxe, xa que é imposible velos alí metidos. Cada participante, previamente inscrito, pode tocar dúas ou tres cancións nuns 10 minutos, cifras que son flexibles segundo o número de anotados que haxa cada noite. O xénero, estilo ou instrumento son totalmente libres.

A pesar de que é un bar idóneo para quedar cos amigos a tomar algo e charlar, durante os concertos as conversas redúcense e baixan o volume, unha mostra de respecto ao artista que está a actuar no “escenario máis pequeno do mundo”. Como é lóxico, as escaleiras non se poden transitar mentras haxa unha actuación, polo que haberá que agardar ao pequeno descanso que hai entre un músico e outro.

Sen dúbida, as Solo Sessions son un evento que paga a pena visitar, xa sexa pola oportunidade de coñecer a novos artistas ou polo ambiente familiar que se respira no Maispalá. Un local con máis de tres décadas de historia que non vive da nostalxia e que segue a reinventarse  con formatos tan novidosos como este.

(GMT+01:00) Máis Palá

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.