REVISTA ABRIL

O jazz volve á súa Casa

Desde este martes 16 de novembro a escena musical viguesa está máis preto de volver á antiga normalidade. As famosas jam sessións dos martes na Casa de Arriba volven celebrarse despois de ano e medio de parón. Wilfred Wilde Trío serán os encargados de reactivar este xénero centenario no local churruqueiro.

Concerto de Álvaro Vieito Trío, en agosto de 2019 | P. Vázquez

A historia do jazz en Vigo xa vén de vello. Malia non ser un xénero popular no sentido estricto da palabra, sempre gozou de moi boa saúde a nivel cualitativo, cuantitativo e de seguemento ao longo das décadas. Xa nos anos 80 o Satchmo era o local referencial para estas músicas afroamericanas, ata que chegou Siniestro Total co seu “blues distorsionado” e deu comezo á Movida. Tamén existían importantes eventos, sendo o máis destacado o Festival de Jazz de Vigo, polo que pasaron prestixiosos músicos da altura de Chet Baker, Dexter Gordon ou Machito. 

Non tería sentido falar deste xénero libre e impredecible en Vigo sen mencionar a Gonzalo Villar. Tristemente falecido en 2017 aos 58 anos, Villar foi un axitador e promotor cultural básico para a música local en xeral, e para o jazz e sons latinos en particular. Primeiro con El Malecón, máis orientado ás músicas cubanas, e despois con La Negra Tomasa, El Manteca e o Xancarajazz, xa con este xénero exercendo de protagonista. Este último establecemento viuse obrigado a pechar as súas portas en 2016 debido ás queixas da veciñanza.

REVISTA ABRIL

En 2018 o Concello de Vigo cancelaba o Imaxinasons tras 14 anos de actividade. Tratábase dun festival de jazz internacional de case dúas semanas de duración, un evento único que aportaba un enorme valor cultural á cidade. Un feito triste e bastante esclarecedor, posto que outros concellos dos arredores, por exemplo Nigrán, Cangas e Pontevedra, continúan a programar os seus eventos dedicados a estas músicas. Este verán o Concello programou na Alameda un festival de música clasica e jazz que finalmente viuse aprazado a un día de celebrarse por problemas burocráticos.

A pesar do cambio de xerencia hai uns meses, A Casa de Arriba parece decidida a continuar co legado de Marcos Costas, quen apostou firmemente por estas ricas melodías a base de piano, guitarra, contrabaixo, batería, trompeta ou saxofón. Polo decorado do primeiro andar pasaron unha enorme cantidade de músicos locais e galegos da escena jazzística, como son Iago Marta, Xosé Miguélez, Héctor Agulla, Dani Font, Vatapá, Saúl Puga, Iago Fernández, Felipe Villar, Martín Verde, Yago Vázquez, Álvaro Vieito ou Alexandre Touceda. 

O encargado de abrir esta nova etapa de jazz será Wilfred Wilde, guitarrista francés afincado en Galicia que ten participado en proxectos de todo tipo: jazz máis tradicional (Iago Fernández Quartet, Dani Cano Quintet, Tana Santana Project, Joan Saldaña Quintet), fusión coa música galega (Azul de Bueu), rock (Xan Campos ESD, Loiros, Larchey Zore Quartet) ou composición de bandas sonoras.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.