CAMELIAS MASCOTAS

O Museo MARCO celebra 21 anos de vida con actividades sobre cine, música, arquitectura e pintura

Hoxe 13 de novembro, o Museo MARCO cumpre 21 anos desde a súa apertura ao público en 2002. Con motivo deste aniversario, o Museo ofrece unha programación especial durante a fin de semana do 17 ao 19 de novembro: obradoiros de arquitectura para público infantil e familiar, actividades do Festival Vertixe Sonora, unha nova sesión do ciclo de cinema ‘Unha ponte coa lusofonía’, e propostas para público infantil e adulto arredor da exposición de Concha Martínez Barreto. Ademais, a celebración prolóngase ata a última semana do mes, concretamente o 28 de novembro, coa visita de Marcos Giralt Torrente, protagonista da charla-encontro arredor da súa obra literaria e da figura do seu pai, o pintor Juan Giralt.

PROGRAMA DE ACTIVIDADES:

Venres 17 de novembro – Quen é quen? (OBRADOIRO PARA PÚBLICO ADULTO)
De 19.00 a 20.30 nas salas de exposición e Espazo Anexo
Gratuíto. Previa inscrición en recepcion@marcovigo.com

A obra de Concha Martínez Barreto (Fuente Álamo, Murcia, 1978) aborda temas relacionados coa memoria, a morte e o vínculo. Tomando como punto de partida algunhas das obras presentes na exposición do MARCO, neste taller traballaremos a partir de fotografías nas que illamos retratos de persoas para crear novas escenas, situándoas nun novo contexto de espazo e tempo.

Sábado 18 de novembro – De que está feita a arquitectura? (OBRADOIRO PARA PÚBLICO INFANTIL DE 6 A 12 ANOS)
De 12.30 a 14.00 no Edificio MARCO e Espazo Anexo
Náximo 20 participantes. Gratuíto. Previa inscrición en recepcion@marcovigo.com

Neste obradoiro vinculado á observación e á vivencia do espazo, sacamos partido das posibilidades que ofrece o propio edificio do MARCO para motivar unha aprendizaxe significativa sobre a escala, as estruturas, a forma e función na arquitectura. Reflexionamos sobre a importancia do patrimonio, coñecemos as ferramentas dos profesionais da arquitectura e o seu vocabulario específico, e apreciamos as calidades formais e espaciais deste edificio. O traballo de observación combínase coa experimentación creativa, favorecendo a imaxinación e o desenvolvemento do pensamento diverxente vinculado ao patrimonio e á nosa contorna.

Sábado 18 de novembro – Cada moucho na súa oliveira (OBRADOIRO PARA PÚBLICO INFANTIL DE 3 A 6 ANOS)
De 11.00 a 12.30 nas aalas de exposición e Espazo Anexo
Máximo 25 participantes. Gratuíto. Previa inscrición en recepcion@marcovigo.com

Na nosa visita ás salas da exposición de Concha Martínez Barreto, descubrimos varios tipos de refuxios para persoas e animais. Por exemplo, niños de andoriñas! Onde vimos outros similares? Observamos exemplos de distintos tipos de niños de aves e fixámonos nas súas diferenzas respecto a tamaño, material, habitantes, localización… A continuación, no taller, traballaremos con varios tipos de materiais para idear e construír o noso niño-refuxio para un animal alado, que pode ser real ou imaxinario.

Sábado 18 de novembro – ‘Intelixencia artificial. Pasado, presente e futuro(CHARLA-ENCONTRO FESTIVAL VERTIXE SONORA)
De 12.00 a 13.30 no salón de actos
Entrada libre ata completar capacidade

Como actividade previa ao concerto do domingo 19, Roberto Alonso e Marek Poliks conversan sobre o pasado, presente e futuro da IA en ámbitos musicais.
O futuro da música substituirá (e está a substituír) aos instrumentos e a instrumentalidade con verticalidades algorítmicas capaces de despregar e recombinar a totalidade histórica literal do audio gravado segundo macro-categorías baseadas no afecto. Facer música terá que pasar dunha experiencia en tempo real a unha de xeración de audio baseada en avisos, xestión de resultados e operacións de refinamento preparadas e impulsadas pola conformidade.

Sábado 18 de novembro – ‘Unha ponte coa lusofonía‘ (PÚBLICO XERAL)
De 19.00 a 20.30 h. no salón de actos
O ciclo “Unha ponte coa lusofonía” chega ao seu fin o 18 de novembro, coa sesión dedicada ao cinema contemporáneo de Angola e a proxección de dúas películas: a curtametraxe Malo, de Dreça Manuel, estreada recentemente en Angola, e a longametraxe Nossa Senhora da Loja do Chinês, de Ery Claver. Ambos os dous filmes, da premiada produtora Geração 80, foron seleccionados para varios festivais internacionais e retratan a nova realidade do cinema no país africano.

Domingo 19 de novembro – Arquitectura no museo: un xogo de pistas e percorridos (OBRADOIRO PARA PÚBLICO FAMILIAR A PARTIR DE 5 ANOS)
De 12.00 a 13.30 no Edificio MARCO e Espazo Anexo
Máximo 36 participantes. Gratuíto. Previa inscrición en recepcion@marcovigo.com

Un plano e un caderno de campo para descubrir o MARCO, serven de guía para este taller familiar. Unha experiencia didáctico-sensorial a través dunha secuencia de actividades que, como un circuíto de probas encadeadas, supón unha mirada alternativa cara ao lugar. A través do xogo simbólico, persoas adultas e público infantil convértense en exploradoras por un día, observan con detemento buscando pistas, e viven o espazo pasado e presente de forma consciente e creativa. Un taller que promove o diálogo interxeracional, experimentando coas posibilidades que brinda o espazo, e que nos axuda a entender o pasado do edificio e a súa transformación en museo.

REVISTA NOVEMBRO

Domingo 19 de novembro – ARCHON. Verbas do Demiurge (PÚBLICO XERAL)
De 13.00 a 14.30 no salón de actos.
Entrada libre ata completar capacidade.
Concerto dentro do festival Vertixe Sonora a cargo de Roberto Alonso (violín, multimedia) e Iván Ferrer-Orozco (medios electrónicos). Archon é unha interface de código aberto deseñada para Demiurge, ecosistema de rendemento xenerativo impulsado pola aprendizaxe automática. Demiurge e Archon foron construídos na crenza de que a música do futuro terá como punto de partida o post traballo; suplantando os instrumentos pola transferencia de estilo, a xeración de bibliotecas de mostras e a proliferación de patróns; substituíndo o propio estudio por operacións de conformidade preparadas.

Martes 28 de novembro – A pintura dun pai‘ (PÚBLICO XERAL)
De 19.00 a 20.30 na Biblioteca-Centro de documentación MARCO.
Aberto ao público en xeral ata completar capacidade (posibilidade de reserva de praza para participantes Club Lectura #BiblioMARCO e AAM, Agrupación Amiga do MARCO a través do correo-e centro.documentacion@marcovigo.com

Dentro da programación do Club de Lectura #BiblioMARCO, e no contexto da exposición de JUAN GIRALT no MARCO, elixiuse como primeira lectura da tempada Tiempo de Vida, de Marcos Giralt Torrente, fillo do pintor e co comisario da mostra. Como actividade complementaria do Club de Lectura, e en relación coas actividades do 21º Aniversario, a Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO organiza este encontro co escritor Marcos Giralt Torrente, a modo de conversa co xornalista e crítico de arte Ramón Rozas, e o director do MARCO, Miguel Fernández-Cid, que tamén comisaría a mostra.