REVISTA ABRIL

Igual Arte celebra 20 anos con tres meses cheos de actividades

Nos próximos meses a Fundación Igual Arte celebra os seus 20 anos e para celebralo pensa levar todas as súas propostas artísticas aos diversos espazos vigueses de interese cultural. Con isto a entidade pretende achegar o seu traballo ao público vigués e reivindicar o seu espazo dentro do panorama artístico da cidade.

REVISTA ABRIL

A Fundación Igual Arte é unha entidade sen ánimo de lucro que nace no ano 2002 co obxectivo de brindar un espazo onde as persoas con diversidade funcional poidan expresarse de maneira artística. Con esta idea deu comezo implementando un programa artístico ao que poden asistir mozos e mozas desde os tres anos en diante. Este programa pretende ser unha alternativa máis de lecer tendo como ferramenta fundamental as disciplinas artísticas.

O pistoletazo de saída dará lugar será o xoves 13 de outubro ás 19.00h en A Morada coa inauguración da exposición ¿El lugar que ocupo? e a proxección do espectáculo De lo íntimo. A mostra estará dispoñible ata o venres 14 de outubro. Continuarase coa exposición De película do Grupo Revelación da Fundación Igual Arte que estará dispoñible no CC Vialia desde o 17 ata o 21 de outubro.

O mes de novembro vén cargado de eventos. O venres 4 ás 20:00 no Café de Catro a Catro haberá un concerto do grupo de música folk De tapas, centrado nos ritmos clásicos da música tradicional pero dándolle o seu inigualable toque persoal. De tapas está formado por cinco integrantes con diversidade funcional e cun percorrido no mundo musical de máis de 6 anos. O sábado 12 ás 19:00 no espazo anexo do museo MARCO terá lugar a inauguración da exposición Corpos do grupo de deseño Diseñatas. O espectáculo Vecinos do dúo acrobático Vuelta y media será o venres 18 ás 20h no auditorio da ESAD. Ao día seguinte, ás 11:00, está programado un taller de creación infantil baseado na exposición Corpos da man do grupo de animación Variopinto. Para pechar o mes, concerto de Chungo Pastel en Vialia o sábado 26 ás 12:30. Xa en decembro, o venres 16 ás 20:00 no Auditorio do Concello estrearase o espectáculo Habitarme da compañía de danza e teatro Al Lío, onde se pon o foco na muller, reivindicando o seu espazo a través da expresión corporal.