Mirada introspectiva e colectiva na exposición de Yolanda Herranz
A artista vasca Yolanda Herranz presentou o pasado venres …NO, AÚN NO…, unha mostra divida en dous espazos do MARCO que ademais marca o paso do individual ao ton coral. Unha destas salas está dedicada á mostra El arte sana / El arte cura (autorretratos), producida polo propio Museo. Estará dispoñible ata o 14 de xuño.
Con …NO, AÚN NO…, de Yolanda Herranz, o MARCO dá visibilidade a unha artista máis ocupada en animar e facer posibles proxectos colectivos e presentacións de grupo ca en resaltar o seu traballo individual, dunha sorprendente coherencia. A proposta céntrase nas obras nas que xoga co sentido e forza dos conceptos, co poder da mensaxe, da intención. A palabra convértese en dimensión e enerxía escultórica. Arrinca coa serie “El mí y el tú”, do seu proxecto Distancias y abismos (2004-7), no que a rotundidade da mensaxe únese a unha refinada claridade visual: todo está pensado, medido.
Xunto a elas, a versión XVI de Destierros (proxecto aberto en 2003) evoca ausencias e reclama presenzas. Materiais e cores, aplicadas dun xeito uniforme, adquiren un carácter simbólico, insistindo no ton máxico do conxunto. A exposición prosegue con obras producidas para esta ocasión: SOMOS mujeres y ESTAMOS aquí parte dunha acción do mesmo título (realizada en 2015) na cal se recitan dúas series de 690 palabras que empezan por A, en feminino e plural, por orde alfabética, recollidas do dicionario de RAE, referidas unhas ao ser e outras ao estar das mulleres.
Esta obra dá paso ao traballo máis novidoso. Cando moitos seguen hoxe a vía social e reivindicativa, aberta no seu momento por artistas como Yolanda Herranz, ela céntrase na identidade persoal, cunha obra poética, íntima, drástica. El arte sana / El arte cura (Autorretratos) é a resposta da artista a unha situación persoal de extremo desacougo, cando percibe que o que quere desaparece: a arte sérvelle para formular preguntas que lle permiten entender ou polo menos convivir con esa realidade esquiva.
Catedrática de escultura na Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Universidade de Vigo), a traxectoria artística de Yolanda Herranz (Barakaldo, Biscaia, 1957) comeza en 1979, compaxinando o traballo individual, en proxectos de clara reivindicación feminista, co colectivo, agrupando artistas coas que sente vínculos comúns. A exposición, producida polo MARCO, foi comisariada por Miguel Fernández-Cid e Pilar Souto Soto. Co gallo da mesma editarase unha publicación sobre a obra El arte sana / El arte cura (Autorretratos).