REVISTA ABRIL

A Colectiva, Asociación de artistas profesionais de Galicia, lanza un comunicado contra a plataforma Confinarte con Cultura do Concello

A Colectiva plántase contra a plataforma dixital do Concello de Vigo Confinarte con Cultura. A Asociación de artistas profesionais de Galicia culpa á entidade local de lanzar unha convocatoria dirixida a artistas profesionais sen que haxa remuneración e só para a ‘promoción do propio ente organizativo’.

Concerto nun festival durante o pasado verán | Pablo V.

A finais do mes de marzo o Concello de Vigo puxo en marcha a plataforma dixital Confinarte con Cultura. A través da cal, todos os artistas vigueses eran convidados a enviar un vídeo amosando as súas creacións durante este tempo de confinamento. A Colectiva, Asociación de artistas profesionais de Galicia, vén de lanzar un comunicado contra a iniciativa municipal por “instrumentalizar o traballo das e dos artistas para a simple promoción do propio ente organizativo.”

REVISTA ABRIL

Consideran que unha iniciativa que vai dirixida a artistas profesionais (tal e como aparece indicado na convocatoria) debe ser remunerada. E engaden: “Rogamos ás administracións públicas e a toda a cidadanía empatía e unha maior sensibilidade coa situación crítica que están vivindo as e os profesionais da cultura como músicos, xestores culturais, programadores, comisarios, galeristas, coreógrafas, bailaríns, actores e actrices, cineastas, artistas visuais, artesáns, fotógrafos, e todo aquel/a que centra a súa actividade vital e profesional na arte. Eses que enchen de creatividade as redes socias, os museos e as salas de espectáculos, os bares, os centros culturais, os muros das cidades, os teatros, as librerías, as bibliotecas, os cines e o salón de calquera casa. Son os que fan das nosas vidas un lugar cualitativamente máis rico e substancialmente mellor antes, durante e despois deste longo confinamento.”

E animan ao Concello a “colaborar coa comunidade artística da cidade e coas súas respectivas asociacións para consensuar fórmulas de acción coa finalidade de fomentar as actividades culturais e protexer ás traballadoras e traballadores do eido da cultura viguesa.”