REVISTA ABRIL

‘Vitruvia se escribe con V de Vigo’, a mirada persoal do fotógrafo Manuel Cortizo

Ten moito sentido que o Vitruvia Café, un dos establecementos con máis estilo e coidado pola estética, acolla a exposición fotográfica Vitruvia se escribe con V de Vigo. Un percorrido diferente polas nosas rúas, un pano de fondo ideal mentres desfrutamos dun café no primeiro andar deste local que abriu as súas portas no 2015. Alí nos espera sentado Manuel Cortizo, o fotógrafo responsable desta fermosa mostra que estará dispoñible ata comezos de xuño.

O Vitruvia Café é sinónimo de fotografía: as súas paredes están cubertas de imaxes, e desde hai uns cantos meses veñen compartindo diariamente unha foto histórica nas súas redes sociais. Desde finais de febreiro podemos contemplar as 23 instantáneas que compoñen Vitruvia se escribe con V de Vigo, unha exposición de Manuel Cortizo dedicada á súa cidade: “Expoñer aquí para min é un privilexio, o Vitruvia é o café do momento”, comenta o artista.

REVISTA ABRIL

Para Cortizo a fotografía é “captar o momento, a luz, as cores, o segundo exacto”, tanto ten se é de paisaxes, na rúa ou de insectos minúsculos. Parafrasea ao fotógrafo franco-húngaro Brassaï: “Non me gusta atarme a nada, prefiro sentirme libre e facer calquera cousa”, aínda que admite que o traballo nas rúas é máis “intenso e provocador”. Esta ambivalencia é palpable tanto nas imaxes, delicadas e intensas, como nos comentarios a pé de foto, onde se mostra irónico e divertido: “Nas redes sociais os títulos son máis serios, con estes textos busco facer máis amena á exposición”.

Ao seren momentos captados nos dous últimos anos, a ubicua pandemia fai acto de presenza: “Sacar fotos na rúa á xente con máscaras é un pouco triste, son épocas raras e desagradables. Pero a fotografía está para sacar momentos belos, sons, do sentir das persoas”. Sobre todo, bota de menos poder saír polas noites a tomar imaxes, unha práctica habitual nel como podemos observar nalgunhas das fotografías da mostra, tomadas sobre todo en 2019.

Manuel Cortizo agarrou por primeira vez unha cámara aos 17 anos, un pasatempo demasiado caro para aqueles tempos que deixou de lado máis de tres décadas. Pasado o medio século de vida, retomou esta paixón como “reto intelectual”, e agora non hai quen o pare: “Estou traballando nun segundo libro co escritor norteamericano Arthur Dobrin sobre temas nunca antes tratados na fotografía. Haberá unha versión infantil e outra para adultos”. Tamén menciona un ambicioso proxecto expositivo en Vigo, pero seguramente teñamos que agardar ata o 2022 para que se leve a cabo.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.