Miguel Anxo Fernández: “Sen público, non hai cinema galego”
O pasado xoves, o Ateno Atlántico celebrou unha xornada dedicada ao 30 aniversario de CineGalicia, unha mostra na que se estrearon tres longametraxes galegas (Sempre Xonxa, Continental e Urxa) que tivo lugar no Cine Fraga do 23 ao 26 de novembro. Un dos invitados a este coloquio foi Miguel Anxo Fernández, crítico de cine, profesor de universidade e comisario daquela mostra. Falamos con el sobre CineGalicia e o presente e futuro do noso cinema.
Que supuxo para o cinema galego a mostra CineGalicia hai 30 anos?
Pódese dicir que foi a posta “de largo” do noso cinema por canto quixemos que a sociedade galega, e tamén foránea, visibilizara que a era posible facer ficción para a pantalla grande desde Galicia. A estrea conxunta de tres longametraxes –Continental, Sempre Xonxa e Urxa– era un fito histórico, tamén sen precedentes no resto de España. Era tamén unha aposta decidida do nacente sector audiovisual para pechar o círculo iniciado coa creación da Televisión de Galicia poucos anos antes. Ao mesmo tempo, tratábase de convencer aos xestores públicos de que cumpría apoiar un cinema propio no contexto dunha cultura diferenciada como era a nosa, coa lingua como dereito irrenunciable. Desde aquela, xa nada sería como antes, e para ben, naturalmente.
Que papel xoga Vigo nesta historia e dentro do cinema galego?
Cinegalicia nacía como o xérmolo do que debería ser o gran festival de cine de Galicia, contando ademais con interese do concello de Vigo, daquela con Manuel Soto de alcalde e María Xosé Porteiro de concelleira de cultura. Escolleuse Vigo, máis alá do propio interese do goberno tripartido da Xunta que presidía Laxe, tamén pola tradición histórica da cidade con relación ao cine. En Vigo nacera o produtor Cesáreo González, en Vigo tiña o exhibidor Isaac Fraga o seu buque-insignia que era o Teatro Cine Fraga, e en Vigo residía Chano Piñeiro que tanto axudara a visibilidar o soño dun cinema propio desde que en 1987 comezara a preparar Sempre Xonxa. A cidade era ademais a sé da única distribuidora xenuinamente galega que operaba en Galicia, Baños Films -había outra máis na cidade e dúas na Coruña, pero ou eran sucursais ou axentes de ventas-, ao cabo quen asumiría a distribución de Sempre Xonxa a través das madrileñas Esteban Alenda e Urza, a través de Unión Films. As eleccións de 1990 trouxeron cambio político á Xunta e secaron aquel xérmolo de consolidar Cinegalicia, aínda que conseguirmos que se mantera o apoio institucional ao audiovisual ata os nosos días.
A semana pasada O que arde bateu a Sempre Xonxa como filme en galego máis visto en salas. Que opinión che merece a obra de Oliver Laxe?
Oliver Laxe, máis aló de ser o director galego máis laureado en Cannes -tres filmes, tres premios- é un autor na plena dimensión do termo, un cineasta con mirada propia, que intenta afastarse da narrativa e do espectáculo mainstream, e que, sobre todo, busca chegar ao público. Ten claro que un cinema sen público, non é tal, quédase no limbo creativo. Facer películas “invisibles” ou só para festivais, como escribir novelas para os críticos literarios pero sen lectores, é batalla perdida na guerra da comunicación con imaxes. Por iso entendo que Laxe, e máis agora con O que arde, marca a diferencia, co engadido de ser unha obra persoal, sen concesións. Iso non quita que esteamos nun interesante momento creativo, con autores experimentais que buscan consolidar outra maneira de mirar. No momento que este cinema renovador, atope o agarimo de público, a felicidade será plena.
Na túa opinión, que compre para conseguir ese agarimo do público?
Diante de todo, tomar en serio ao público. En calquera disciplina artística, en calquera forma de expresión, a liberdade guía ao artista, faltaría máis. Pero se o que busca é comunicar, compre respectar os códigos. Quero dicir que o risco das ocorrencias é moi tentador, pero non podemos pretender que os espectadores, os lectores, os ouvintes, participen diso porque si. Resumindo, compre rigor na oferta creativa. Canto a difusión, hai xa unhas canles ben consolidadas, case que alternativas, pero moi necesarias, son as numerosas propostas do país en formato festivais, que ao cabo son pantallas, e cantos máis haxa mellor. Despois están os cine clubs.
Finalmente as salas públicas. A Agadic desenvolve un ben interesante programa que é Cinemas de Galicia, que axuda nesa dirección. Pero compre chegar ás salas comerciais, e aí está a mudar a cousa -velaí o interesante labor de Numax, mesmo como distribuidora-, quizais tamén por unha crecente demanda do propio público. Son optimista, pero, claro, compre seducir ao espectador. Laxe e O que arde, confirman esa senda.
Ademais de crítico de cine es profesor de Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo. Como ves as novas xeracións de creadores?
O alumno que chega a Comunicación Audiovisual, ben sabe onde se mete e chega movido polo desexo de traballar coas imaxes ou no sector da imaxe. Hai un plus de motivación que se cadra non se dá noutros graos formativos. Pode que iso tan difuso do glamur confunda a unha pequena parte de quen vén a aprender, pero en xeral, ese interese en aprender é real, sinceiro… outra cousa é o talento. O talento non se vende, o talento tense aínda que o oficio apréndese. As novas xeracións veñen aprendidas, consumen audiovisual case que no peito materno. Iso ten vantaxes, moitas, pero tamén atrancos. Por exemplo a área das Humanidades. Atopo que de pouco vale manillar cunha cámara e ser un chispa coa técnica, se ignoras as circunstancias do home, do entorno, da historia, do mundo… Se tamén engades esas áreas de coñecemento e sumas talento, escribirás interesantes guións que converterás en filmes igualmente interesantes. Filmar ou gravar por filmar e gravar, non conduce a nada, tempo perdido.
Para rematar, pensas que estamos ante o mellor momento da historia do cinema galego?
Se estiveramos no mellor momento da historia do cinema galego, teriamos que botar a cancela e dedicarnos a outra cousa, pois xa perderíamos a motivación. Sería unha misión cumprida… Estamos nun bo momento, pero será o paso do tempo o que dite sentencia. Iso si, a gran asignatura pendente é gañarmos ao público. Sen público, non hai cinema. E ademais en galego ou xa non será cinema galego, pois a lingua entendo que é o feito diferencial por excelencia. A marca de país. Non sei se isto é compartido…
Augal, Cemac, antes Xociviga e mesmo Cinegalicia, e agora coordinador artístico do OUFF. Non paras…
Sempre en equipo, sempre rodeado dos mellores nun obxectivo común: espallar a cultura audiovisual, e contribuir a normalizar a difusión do audiovisual propio. Desde que nos anos 70 me vinculei ao cine club Carballiño, o meu obxectivo non mudou. Augal e Cemac teñen un sesgo tamén académico ao abrigo da UVIGO, en colaboración con outros profesores, en particular Paulino Pérez, mentres que o Ourense Film Festival é unha encomenda que desde a Deputación de Ourense se fai á Fundación Carlos Velo da que son vicepresidente. A idea é consolidalo como festival singular -en 2020 faremos a 25ª edición- e contribuir de paso a por en valor tamén aos restantes do moi nutrido panorama galego nese eido. Sempre digo que o ideal sería que os 313 concellos de Galicia tiveran a súa festa anual arredor do audiovisual, por que non? Serían 313 pantallas nas que os nosos creadores amosarían as súas obras ao seu público natural.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024