Miguel Ángel Alonso Diz: “Na miña escrita doulle voz aos nosos personaxes e a aquelas persoas que fixeron camiño antes ca nós”
Hai autores que non medran xamais, que son, como Ana María Matute, nenos eternos. Así se definiría Miguel Ángel Alonso Diz, autor que se deu a coñecer como narrador de literatura infantil e xuvenil no 2012, a través da obra O Cullarapo Croque, que asinou coa ilustradora Luz Beloso, compañeira de batallas que tamén ilustrou O soño de Esther, A nena á que non deixaban ser feliz, Mel, unha mosca agradecida, ou no eido de adultos Unha folla vermella.
O autor vigués destaca polo seu labor como contacontos, e polas súas colaboracións cos servizos de dinamización lingüística de concellos e centros educativos, tanto como contador de historias como impartindo obradoiros de poesía e de escrita. Recentemente vén de dar ao prelo dous libros con moita reivindicación sobre a nosa lingua e a nosa historia: O país da choiva (Antela, 2021) e Instrucións para ler este libro (Xerais, 2022).
Por que escribes para os máis pequenos e pequenas? Creo que é unha tarefa moi complexa pois a cativada é dos públicos máis esixentes.
Eu creo na literatura como ferramenta transformadora da realidade e despois de dar varias voltas a Galicia facendo recitais de poesía, comprobei que as persoas ás que chegaba eran as mesmas; isto unido a miña amizade con María do Carme Kruckenberg, que me animou a escribir para a miña filla Esther, provocou que descubrise o que hoxe é para min tan natural coma respirar. Escribindo para a rapazada podo chegar a grandes e pequenos. E si, é un público moi esixente. Tamén eu son esixente co noso traballo.
Vés de publicar Instrucións para ler este libro (Xerais, 2022) e O país da choiva (Antela, 2021), nos que vemos moitas das preocupacións das túas obras, como poden ser a lingua ou a literatura. Que máis imos atopar nestes dous títulos?
Memoria, respecto, sensibilidade, amor, palabra, compromiso, honestidade, magnificas ilustracións, edicións que fanlle honra a nosa lingua, escritores e escritoras galegas camiñando polas súas páxinas, membros da Santa Compaña, biosbardos, trasnos, misterio e un Demo. Todo isto e algo máis…
O país da choiva é unha declaración de amor á lingua, porque ti dis que a túa historia co galego é de amor. Explícanos isto.
Non pode ser doutro xeito. A palabra primeira. A do berce. A que camiña da man dos primeiros aloumiños. A lingua propia, a dos afectos. Cando naceu a nosa primeira filla, tiñamos claro que a lingua da familia sería a mesma dos nosos pais, nais, avós, avoas… Ese fío común que nos constrúe, identifica e agarima. A palabra: a nosa visión do mundo.
“Tamén pensaba que a súa lingua tiña unha relación moi especial coa música”. Así o sente un dos personaxes de O país da choiva, e creo que ten moito de ti, verdade?
Si, eu tiven o meu espertar poético nunha viaxe a Celanova no ano 1989, no que se dedicou o día das letras galegas a Celso Emilio. Foi un espertar á musicalidade do galego, ademais teño que engadir que son amante da música. Un mundo sen ela sería terrible. Como ben sabes, en Música no faiado aparecen personaxes como Robert Jhonson, Bessie Smith ou John Lennon. Neste libro tamén hai un pequeno espazo para a música. A camiseta de Fonso é dos Beatles, e isto foi unha petición que lle fixen a Xosé Tomás; ao que lle estou moi agradecido.
Fran Alonso fala no limiar de O país da choiva da “memoria” e do perigo que supón que o galego se perda. Como ves ti o presente e o futuro da lingua? A literatura pode axudar a colleitar falantes?
Fran Alonso, ademais de escritor, poeta e amigo, é persoa coñecedora da situación da lingua. O seu limiar sitúa ao lector no punto xusto para acometer este libro. Podo dicir, con ledicia, que o libro está funcionando coma un río subterráneo; é unha obra que está deixando pegada na alma do lectorado. Atesouro varias conversas con lectores e lectoras ao respecto do mesmo. É fermoso comprobar como a obra conseguiu levar á reflexión sobre as razóns que existiron para que non lles falaran galego na casa, rompendo o elo de transmisión interxeracional, e as razóns que os levaron a eles mesmos a non falarlles en galego aos seus fillos e fillas. Porque estou a falar de conversas con homes e mulleres, dende os trinta ata os cincuenta; non de conversas coa rapazada. Como xa dixen ao principio, a través dos fillos e fillas, chegar aos pais e as nais.
Acadar isto é moi difícil cando do que se fala é de algo tan íntimo como a lingua. Estou contento de ter aportado este libro á nosa literatura, xa que sempre falo de facer libros necesarios, e O país da choiva é un libro necesario. Por iso agradezo a Antela Editorial o seu apoio e o seu magnifico labor de edición.
Respondendo á outra parte da pregunta, o presente é complexo e o futuro moi incerto. Hai moitas variables que van en contra da lingua: públicas e privadas. Afirmarei que o lectorado en galego é cada vez menor, e esta é a tendencia. Ademais que necesidade teño de ler en galego, se a obra en galego e en castelán saen ao tempo. Entendo as decisións tomadas con criterios persoais, económicos e son moi respectables, mais non cabe dúbida de que son un factor máis. Que máis dicir? Podería axudar a colleitar falantes? Si. Está a facer iso?…
“Non podo contarche de que vai este libro. Non insistas. De calquera xeito, aínda que o fixese sería inútil. Vas ler o libro, é o teu destino”. Isto nos advirte o narrador de Instrucións para ler un libro, pero non nos podemos resistir… por que estás tan seguro de que leremos o libro?
Porque sei que o vas facer. (Sorriso)
Existen instrucións para ler un libro? Que lle dirías ti a unha persoa que non adoita ler para que comece a facelo?
Neste libro, si que existen e máis vale que lles fagas caso. (Sorriso) En xeral, a única instrución é que se deixe levar pola lectura. Existen moitos libros e seguro que hai un que está a agardar pola súa chegada.
Eu, por exemplo, fun un gran lector de cómics. Creo que son unha fábrica de lectores e sosteño que o meu amor pola ilustración, e o uso que fago delas nos nosos libros débese en boa medida a estas lecturas. Desde hai uns anos percibo que cambiou o sector do libro, inda que fose con lentitude, respecto a cando comecei a publicar. Lembro que nos libros con Luz Beloso sempre tiña que mandar un correo pedindo que puxeran o seu nome. Mesmo se te fixas nas capas deses títulos (O cullarapo Croque, A nena á que non deixaban ser feliz ou O soño de Esther) aparecen os nosos nomes sen distinguir escritor e ilustradora. Iso hai dez anos. E digo todo isto porque considero que o compoñente visual é fundamental, sobre todo para as xeracións novas que están sendo criadas con outros códigos diferentes aos nosos.
Nos dous libros atopamos referencias a escritores e escritoras galegos e tamén a personaxes da mitoloxía fantástica galega. Por que estas referencias, e de que forma as insires nas historias sen forzalas?
Xorden dun xeito natural. No caso d’ O país da choiva todos os nomes dos personaxes fan referencia a autoras e autores da nosa literatura. É un botar fíos para incentivar a curiosidade do lectorado, e aquí o/a mediador/a é importante, xa que axuda co seu labor. Na páxina web de Antela podes atopar xogos que van neste sentido.
No caso de Instrucións para ler este libro, as propias personaxes son seres do noso imaxinario. Teñen a súa voz e falan primeiro comigo e agora co lectorado. Podo dicir que tamén apareceron dun xeito natural, ou sobrenatural (risas).
E a razón de usar estas referencias, é porque son nosas e creo nas palabras de Vicente Risco: “Desde o lugar máis pequeno do mundo, calquera home pode contemplar a inmensa grandeza do firmamento”. Dende o noso, contar as nosas historias… Creo que dende aí podemos transcender; inda que sexa moi consciente de que parece que a corrente é outra. Na miña escrita si teño claro que lle vou dar voz, e ben orgulloso que estou, aos nosos personaxes e a aquelas persoas que fixeron camiño antes ca nós. Elas veñen comigo neste proxecto común. Nunca camiño só.
Aínda que foxes de ensinanzas nas túas obras, que pretendes ao crealas? Que che gusta que sintamos os lectores e lectoras?
Non sei se ensinar, pero si amosar. Todos recibimos multitude de mensaxes, e moitas delas son terribles. Eu quero tocar almas cos nosos libros. Transformar pequenos mundos que transformen outros pequenos mundos, e tamén transformarme no proceso.
Con O país da choiva xa escoitei frases como:
“É un libro que deixa pegada. É preciso pararse despois de lelo a pensar”.
“A súa lectura foi un axitar da alma. Tiven que pensar en moitas cousas do pasado”.
Que engadir? Cun libro podemos chorar, rir, sentir desesperación, esperanza, sede, medo… Tamén sentir que todo pode cambiar.
De onde nacen as túas historias? Dunha conversa casual, dunha imaxe pola rúa…?
De todo iso, que ben apuntas, e moito máis.
Os teus libros sempre comparten espazo coas ilustracións de artistas como Luz Beloso ou Xosé Tomás. Que papel xogan as imaxes e que achegan ás historias?
Como xa dixen, as ilustracións son fundamentais, como todo no libro. Para min, son elemento narrador, son voz. Non as concibo como algo accesorio. En Galicia temos unha chea de magníficos ilustradores e ilustradoras.
Hai uns anos puidemos gozar de A folla vermella, un proxecto moi persoal teu e de Luz Beloso que fala da creación e que se dirixe a público adulto. Que diferenzas atopastes con respecto ao que facedes habitualmente?
Ese libro naceu dunha conversa que mantivemos Luz máis eu sobre o proceso creativo. Quixemos facer un libro co mínimo texto posible. A idea era que o peso da narración caese, sobre todo, na ilustración. Hai unha referencia clara nese libro: Shaun Tan, autor de “Emigrantes”, entre outras magníficas obras.
Como podes intuír, hai moito de conversa, descrición, confianza e complicidade entre Luz máis eu. Respecto ao noso traballo, non podo apuntar grandes diferenzas. Xogamos, creamos, aprendemos… coma de costume. É fermoso comprobar que, dez anos despois, seguimos imaxinando novos camiños. Unha fermosa historia para a nosa literatura.
Supoño que Miguel Ángel Alonso Diz non para nunca, pero…estás traballando actualmente nalgún proxecto literario do que nos poidas avanzar algo?
Teño varios libros de poemas rematados, un deles sairá tamén con Xerais. Teño un proxecto para primeiros lectores con varias historias escritas e diferentes obras en distintas fases do proceso de creación. Non estou escribindo moito por mor doutras actividades que me teñen, felizmente, ocupado, mais confío en que este verán vai ser especialmente divertido no relativo á escrita. De calquera xeito, o que si teño é a necesidade intima de ler. Ler para min é o máis importante.
Tensi Gesteira
Redactora
Pablo Vázquez
Fotógrafo