CAMELIAS MASCOTAS

Mes e medio despois, as salas de ensaio de Vigosónico seguen pechadas (pero xa hai data de apertura)

Continúa o culebrón. A comezos de febreiro publicamos unha nova na que anunciabamos que Vigosónico, as salas de ensaio públicas de Vigo, abrirían a finais deste mes. Estamos a chegando a finais de abril e os locais de música seguen coas portas pechadas e sen perspectiva de abrir proximamente. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este martes pola mañá que Vigosónico abrirá o 3 de maio, máis de dous meses despois do que afirmara inicialmente.

Membros de Grupos de Vigo en Loita reclamando a reapertura de Vigosónico frente ás instalacións | Cedida

“O peche foi unha medida de preservación da saúde e agora abrirá en dúas dimensións: a formación musical e as salas de ensaio e gravación de maquetas dos grupos da cidade”. Así explicaba Abel Caballero a primeiros de febreiro a reapertura de Vigosónico, onde estaban a preparar un protocolo anticovid utilizando uns medidores de CO2 específicos con sistema wifi. O pasado 25 de febreiro foi a data anunciada polo Concello de Vigo para a reapertura das salas de ensaio, logo de dous meses de protestas por parte da plataforma Grupos de Vigo en Loita para a recuperación deste servizo municipal. Porén, máis de seis semanas despois, esta reapertura aínda non tivo lugar. Abriron, si, para ofrecer un curso formativo da Fundación Paideia dirixido a persoas emprendedoras do sector musical que busquen definir un plan de negocio dos seus proxectos artísticos. Pero non para o que foron creadas: para tocar música.

REVISTA NOVEMBRO

Este martes 19 de abril Abel Caballero anunciou en rolda de prensa que a reapertura das cinco salas de ensaio terá lugar o 3 de maio, máis de dous meses despois do que inicialmente dixera e máis de dous anos despois do inicio da pandemia. Para acceder a este servizo, os grupos interesados terán que cumprimentar unha solicitude na web co fin de seleccionar o día e a franxa horaria na que desexan utilizar as instalacións. Este oco asignarase por un período de tres meses. Unha vez transcorrido este tempo, o grupo terá que realizar unha nova solicitude. Vigosónico abrirá os martes, mércores, xoves, sábados e domingos. Os luns permanecerá pechado e os venres están a ter lugar a xornadas formativas da Fundación Paideia. O alcalde tamén confirmou o sistema de medición de CO2 anteriormente mencionado, que avisará cando se superen os niveis ótimos obrigando ao cese momentáneo da actividade nesa sala.

Grupos de Vigo en Loita denuncia que o goberno municipal non está respondendo ás súas peticións de información ao respecto. Consideran que hai un “desinterese absoluto non só por dar o servizo que demandan as bandas de Vigo, senón simplemente por atender ás súas demandas e ter a máis mínima comunicación con elas”. Para o colectivo, todo isto demostra “que en todo o tempo que o Concello pasou argumentando que o servizo non reabría por mor da pandemia estaban efectivamente mentindo, pois xa anunciaron a bombo e platillo que xa se daban as condicións para a reapertura, e pola contra seguen pechadas”. 

Resulta case surrealista que as únicas salas de ensaio públicas da cidade (despois da desaparición de propostas como Súbete ao Castro ou a Casa da Xuventude nos últimos anos) continúen pechadas a 19 de abril, cando as máscaras xa non son sequera obrigatorias en interiores. Na reunión con representantes da plataforma que a Concellería de Xuventude tivo despois de que se anunciase a frustrada reapertura, a concelleira comprometeuse, ademais de a manter unha comunicación fluída cos mesmos, a promover que os grupos de Vigosónico fixesen parte dos concertos organizados polo Concello, entre outros compromisos. Desde a plataforma denuncian que non houbo ningún avance en ningún sentido, confirmando as súas máis pesimistas previsións. O colectivo afirma que seguirá protestando “ata a recuperación do servizo nas condicións dignas prometidas”, anunciando que realizará diversas accións reivindicativas proximamente nesta liña.

Infografía realizada por Grupos de Vigo en Loita
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.