CAMELIAS MASCOTAS

Mely López, dúas décadas á fronte do Cineclub Lumière

Aproveitando as últimas horas de sol do luns, quedamos na praza do Rei para charlar con Mely López, directora e programadora do Cineclube Lumière desde hai máis de dúas décadas. A pesar da súa paixón polo cinema, non é moi amiga das cámaras, polo que sacamos rapidamente un par de fotos e sentamos a conversar sobre un dos baluartes do cinema independente de Vigo, pouco antes da proxeción do formidable filme polaco Corpus Christi.

Mely López na Praza do Rei | P. Vázquez

O Cineclube Lumière nace en 1993 co fin de achegar un cine diferente á poboación viguesa. A primeira proxección data de maio dese ano na antiga aula de Caixa Vigo. A proposta foi sumando adeptos e coa chegada do novo século a Asociación profesionalizouse, entrando Mely López como directora e programadora. Antes de facerse cos mandos, era unha socia activa e unha das habituais nas proxeccións que programaban.

Nela recae a tarefa de seleccionar os filmes que compoñen os diferentes ciclos mensuales. As proxeccións teñen lugar cada luns ás 19:00 no Auditorio Municipal do Concello, sendo a da última semana un filme sorpresa. “É un labor de investigación arduo, buceando moitas horas nas seccións alternativas dos diferentes festivais de cinema internacionais. Hai moitos filmes que pasan desapercibidos e que só se proxectan nas grandes capitais e non chegan aquí”, comenta Mely. Tamén menciona a importancia dos Multicines Norte, que antes da pandemia eran os encargados de proxectar as seccións oficiais destes certames, mentres que ela adicábase ás seccións máis agochadas.

REVISTA NOVEMBRO

A pesar de que o Cineclube conta con case tres décadas de vida, Mely é consciente de que se trata dunha programación moi minoritaria, e pensa que mesmo para o público atraído polo cinema alternativo “é difícil entrar sen prexuízos e confiar, polo que custa moito amosar cousas novas“. Especialmente cre que os dramas e os filmes complexos teñen moi mala crítica, e lembra que nos seus inicios “a xente era máis permeable, pero quizais agora coas plataformas de vídeo baixo demanda xa non se acode tanto ás salas”.

Sobre este tema, Mely reivindica estes espazos como “lugares de encontro onde entrar en contacto con outras persoas e falar sobre cinema”. Malia que na actualidade a xente ve máis cinema que nunca, esta actividade mudou dos cines aos fogares, prescindindo da experiencia da pantalla grande e do son envolvente. A isto súmalle, segundo ela, que “Vigo non é unha cidade cinéfila, a pesar de que os festivais poidan ter máis éxito debido á súa inmediatez e rapidez. A maioría da xente non está disposta a degustar unha experiencia máis diaria e repousada”.

Na actualidade o Cineclube colabora coa Alianza Francesa, quen programa un filme francés en VOS de balde unha vez ao mes, e co Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), traendo a programación da filmoteca a partir de Semana Santa. Non quixemos despedirnos sen falar antes do noso cinema, que na súa opinión está a gozar “duns anos esplendorosos grazas a directores e directoras como Eloy Enciso, Óliver Laxe, Alfonso Zarauza, Sonia Méndez, Paula Cons ou Xisela Franco“, da que se declara moi fan.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.