CAMELIAS MASCOTAS

María Vázquez: «Como facemos cousas artísticas, parece que aos actores non nos importa andar apurados»

María Rodríguez Vázquez (Vigo, 1979) naceu na nosa cidade, pero ten o corazón dividido: tamén viviu en Ourense, a familia é de Carballedo e na actualidade vive en Santiago,. O que si ten claro é que é galega ao 100 %, e así o manifesta cun amplo sorriso. Ten unha ampla nómina de personaxes interpretadas en cine, teatro e televisión. Profesionalmente está vivindo un momento doce con varios traballos en marcha, como a serie Apagón.

Dixeches nunha entrevista recente que ser actriz é unha maneira de vivir.

Nesta profesión non hai rutinas nin horarios, e iso condiciona moito a vida; son moi nómade: unha semana estou en Santiago, á outra vou a Madrid, logo teño que ir a Barcelona… Ademais paso moito tempo observando a vida e a xente para alimentar o propio traballo e tamén traballando comigo mesma e iso todo faime medrar como persoa. Por iso sempre digo que o traballo me alimenta a vida e a vida ma alimenta o traballo. Non os podería separar.

O teu primeiro papel na televisión foi na serie de Telecinco Al salir de clase. Como se presentou esa oportunidade?

Marchei a Madrid para estudar interpretación como complemento da danza, alguén coñecía á directora de casting da serie e presenteime. Chamoume tempo despois para facer un papel dunha personaxe que saía nuns capítulos. Foi unha sorpresa e unha boa oportunidade, pero paseino fatal. Eu estaba afeita a facer balé e teatro, e isto pareceume dificilísimo; nunca pensei que me dedicaría ao audiovisual porque me pareceu algo superacoutado.

E ao final

Nos exames de balé eu aprobaba a materia de Técnica cun suficiente e a de Expresión cun sobresaliente; non era moi consciente de que igual iso quería dicir algo, pero cando me empecei a meter en Teatro decateime de que iso era o meu.

Despois viñeron moitísimos títulos, como Códice, Augasquentes, Fariña, Quen a ferro mata, Cuñados Queda algo de todos eses papeis en ti?

Non é que quede algo, senón máis ben que eu poño algo de min no momento en que asumo o papel; algo que nunha primeira lectura nin coñezo de min mesma. Penso que todos temos moitísimas cousas que non botamos fóra. Algunhas desas cousas quedan en min porque son aprendizaxes.

Con Mataharis recibiches varios premios e estiveches nomeada aos Premios Goya. Foi un punto de inflexión para ti?

Penso que foi guai que este recoñecemento non chegase ao principio porque desfrutei moito dese momento, pero sempre cos pés na terra, eu xa sabía que isto era unha carreira de fondo. A min cambioume bastante a vida esa película, pero máis no aspecto persoal. Para a personaxe que interpretei aí, todo na vida era o traballo e, á medida en que avanza a trama, vai reparando en que non todo é traballar. Iso deixoume moi tocada. Despois dese choio, fixen un alto no camiño, casei, quedei embarazada… Decidín cultivar un pouco máis a vida persoal.

Dis que a túa é unha carreira de fondo, pero desde que decidiches dedicarte a isto non houbo algún momento en que o quixeses deixar para te dedicar a outra cousa?

Todos os días penso en tirar a toalla e todos os días digo que nin de broma. O dilema sempre está aí. Creo que a pandemia nos fixo máis conscientes a todos de que todo pode cambiar dun día para o outro; non sabes o que pode pasar mañá, aínda que sexas un funcionario do Estado. O máis importante nesta profesión é saber xestionar os momentos en que non hai traballo, non ter pensamentos negativos, facer cousas, manter un nivel de actividade.

Protagonizas o último episodio da serie de Movistar Plus+ Apagón, no que a túa personaxe foxe ao campo para se refuxiar do caos urbano.

Si, conta a historia dunha muller que deixou campo, onde tiña as raíces, para marchar a cidade e logo ten que volver por mor do grande apagamento que orixina a trama da serie. Un proceso que resulta traumático ao primeiro, non lle apetece estar alí e séntese insegura. Pero, pouco a pouco, vaise amigando co pasado, dándose conta de que o campo é unha posibilidade para vivir. Alí dá cuns inmigrantes aos que de entrada mira con receo por prexuízos, pero ao final pasan a cooperar e conformar unha familia. Iso gústame moito do do episodio, a mensaxe de que hai futuro se cooperamos.

Hai unha escena da serie na que os inmigrantes contan como chegaron a España, e teño entendido que son testemuñas reais.

O director Isaki Lacuesta roda así; gústalle moito meterse no set, esconderse, e vai dicindo cousas. O curioso desta escena é que eu non sabía nada da vida real destas persoas, Isaki esperou a que establecésemos unha relación establecida para gravala. El foime dicindo que lles preguntase polo pasado, e foi flipante por como naturalizaban cousas que para min eran impensables. Fíxome reflexionar moito sobre o descoñecemento que temos sobre a migración, dos medos e prexuízos que hai porque nin nos coñecemos nin damos oportunidade de facelo.

Establecendo un paralelismo coa personaxe, ti viviches en Madrid e decidiches volver á orixe.

Como dixo Marta Pazos, desde a periferia podemos contar historias e saír ao mundo. Hoxe en día, as distancias non son as de noutrora e podo vivir en Galicia e ir traballar a outros sitios. Pero é que ademais, aquí hai moito traballo e interésanme moito as cousas que se están facendo aquí. Non fai falta telo todo centralizado en Madrid.

E, tamén como a personaxe, tes raíces no rural; no teu caso, nun municipio da comarca de Chantada. Que relación tes coa Barrela, no concello de Carballedo?

Gústame moito, vou sempre que podo e, de feito, véxome nun futuro non moi arredado vivindo nun sitio máis pequeno cerca de alí, con horta, con viñas, paseando… Porque eu penso que, tamén para crear, é importante ter un lugar no que te poidas refuxiar, no que te sintas tranquila e a gusto para descansar e sentirte plena.

A pesar de estar en Madrid, nunca te arredaches de Galicia nin do compromiso coa lingua.

Eu tiña normalizado o feito de que a miña familia, galegofalantes emigrados a Vigo, nos criou en castelán por pensar que iso sería o mellor para nós. Non reflexionei sobre iso ata o momento de ser nai, e quixen rachar con eses prexuízos. Penso que é xusto ao revés: se os meus fillos son criados en galego, van ter máis oportunidades porque é unha lingua que dominarán a máis. Ademais de que é a raíz de seu, a identidade propia. Decateime de que se non criaba os fillos en galego, o galego desaparecería da miña familia.

O ano que vén estrease a longametraxe Matria. Como foi a rodaxe co director vigués Álvaro Gago?

Foi un traballo chulísimo, pero duro. Tiven que aprender o acento da zona de Vilanova, polo que tiven tres meses potentes de inmersión; traballei moito coas mulleres dunha conserveira, porque a Álvaro tamén lle gusta mesturar actores con non actores, e axudáronme moito a ambientarme no mundo delas e fixemos bo xugo, aínda temos relación. Teño moitas ganas de que se estree a película; foi un traballo duro, pero moi gratificante.

Percibes que o audiovisual galego está a atravesar un bo momento?

REVISTA NOVEMBRO

Eu creo que si, pero xa non é que o diga eu, é que arrasa nos festivais internacionais. Están Xacio Baño, Jaione Camborda, Eloy Domínguez Serén, Lois Patiño… Hai moitísima xente dirixindo con moito talento que está triunfando fóra. O que fai falta son máis apoios para despegar, para facer máis e mellor, e non andar sempre achuchados. Parece que, como facemos cousas artísticas que nos gustan, pois que non nos importa andar apurados, pero queremos traballar en condicións. Ademais, a cultura é moi importante para facer país.

O corpo aberto, Santo ou Honeymoon son algúns dos traballos recentes. Estás a vivir ti tamén un momento dourado?

A verdade é que si, e iso que eu pensaba que ía facer os corenta e deixar de traballar, pois iso é o que lles pasa a moitas mulleres neste sector. Pero sigo cos pés na terra, xa que son consciente de que non é o normal nesta idade, así que gozo do momento, pero intentando manter a mente en cousas que eu poida crear ou e facer por se a cousa para.

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.