Mar de Cultura: unha semana de concertos no Museo do Mar
Aínda que a nova chega con pouca antelación, esta semana o Museo do Mar estará cheo de música e de músicas. Oito concertos con gran presenza feminina ao longo de cinco días conforman este ciclo Mar de Cultura, que comeza este mércores 2 e durará ata o domingo 6 de decembro. (Foto principal: Jorge Pastor)
Gran nova que se sigan realizando concertos nestes tempos, aínda que non sexan no seu hábitat natural, as salas. Por outra banda, sorprende a pouca antelación coa que se anuncian este tipo de eventos, que de darse a coñecer antes atraerían a máis público. Neste caso, este mércores 2 iníciase no Museo do Mar o ciclo de concertos Mar de Cultura, unha serie de actuacións con protagonismo feminino que durarán ata o domingo.
O primeiro será este mércores 2 ás 18:00 con A Pedreira, compositora e cantora galega que xa leva lanzados oito discos. Ugia Pedreira propón novas visións e percepcións dentro do panorama musical galego. O xoves 3 ás 20:00 será o ciclo Mar de Mulleres, no que actuarán artistas do nivel de De Vacas, Guadi Galego, Uxía e Felisa (Leilía). Este será o único evento da semana que será retransmitido en streaming a través da páxina de Facebook do Museo.
O venres ás 20:00 continúa a música con Ailá, un proxecto artístico compostelán que basea o seu repertorio nas recollidas históricas da música galega de transmisión oral. O sábado 5 ás 18:00 é a quenda de Silvia Penide e Carla López, unha homenaxe nada da necesidade de mostrar a voz das mulleres autoras. Pechará o ciclo Emilio Rúa o domingo 6 tamén ás 18:00, cantautor ourensán con case catro décadas de carreira. Presenta varios temas propios da súa extensa discografía, así como versións e adaptacións de temas universais e populares da súa terra.
Todos os concertos son gratuítos con reserva previa. Para isto é necesario enviar un correo a info.museodomar@xunta.es co teu nome, apelidos, número de teléfono, número de cadeiras a reservar (máx. 2) e nome e apelidos do/a acompañante.