VIALIA
CAMELIAS NADAL

Guadi Galego: «Esta é unha cidade que se me resiste»

Había un trienio que Guadi Galego non actuaba na nosa cidade. Agora volve para presentar o seu último traballo, Inmersión, un disco no que revisa, xunto a artistas como Iván Ferreiro, Andrés Suárez ou Vega, once temas dos eu repertorio seus aos que engade algún inédito. Podemos escoitalos o sábado 16 no recibidordo auditorio Mar de Vigo.

O último concerto que deras por aquí foi  aquel do campus universitario, no Nadal de 2016.

Foi o primeiro concerto do meu disco O mundo está parado. Para min foi unha oportunidade porque Vigo é unha cidade que se me resiste. Sinto un afecto especial por esta cidade porque medrei musicalmente aquí; todas as fins de semana da miña vida viña ensaiar a Vigo con Berrogüeto. Pero resúltame complicado ter oportunidade de tocar aquí.

Tes gana de volver, logo.

Vai facer tres anos da última vez, claro que xa quería volver. É unha oportunidade. Ademais é a cidade máis grande do país, é moi importante estar. O concerto é no recibidor do auditorio Mar de Vigo, mirando ao mar.

Agora que vés de editar unha revisión de Cedeira, tema no que o mar está tan presente, o escenario é especialmente acorde.

Eu creo que Vigo ten moita conexión con Cedeira. Supoño que é polo espírito marítimo. Salvando as distancias, porque Cedeira é moitísimo máis pequena que Vigo. Pero todos os sitios cheiran a mar e ten unha cultura marítima moi potente. Cando me dixeron que o concerto era no recibidor do auditorio, levei unha alegría. Que sexa un concerto nun formato especial, mirando ao mar… Ademais, dá medo cando che propoñen tocar nun auditorio tan grande como o Mar de Vigo.

Esta nova interpretación de Cedeira con Iván Ferreiro tivo moi boa aceptación.

Primeiro quero subliñar o agradecida que lle estou a Iván por cantar comigo. Únenos unha amizade de hai relativamente pouco tempo, pero conectamos moito porque é unha persoa moi xenerosa e afectuosa. Estoulle moi agradecida a el e a todas as persoas que colaboraron no meu disco, que son moitas.

Como escollestes os temas que forman parte de Inmersión?

Inmersión é probablemente o meu disco máis arriscado. Cando fas cancións, todo o mundo quere encaixarte nun xénero musical ou outro. Pero eu son autora e precisaba quitar esas cancións de onde estaban, mudalas de lingua, cambiarlles a estética para ver se seguían mantendo a emoción coa que naceron en min.

Agora que xa tes o resultado, consideras que esa emoción da que falas se mantén?

Totalmente. Nalgúns casos, foi espectacular para min. Por exemplo, Fronteiras e a súa versión en catalán parecen dous temas de artistas totalmente contrapostos, pero que gardan a mesma emoción e, se cadra, o tema gañe peso en catalán.

Cómpre salientar tamén que quixeches interpretar os disco nas sete linguas da Península Ibérica.

É unha reivindicación, porque as linguas están ligadas aos apegos e aos afectos dos pobos e iso é algo marabilloso. Moita xente me preguntaba se ía incluír o español e por suposto que o fixen, porque o español é unha lingua máis e está ligada tamén á cultura do noso pobo e é parte do Estado.

«A xente non quere que desapareza o galego, pero hai que falalo»

Cal é a túa opinión do estado da lingua galega agora mesmo?

Os estudos son devastadores. É certo que a nivel académico e administrativo a xente é máis coñecedora, pero o problema é o uso cotián da lingua. De non ser polas pequenas zonas rurais e polos militantes, a lingua desaparecería. Iso non significa que non estea mellor visto. A xente, mesmo os castelanfalantes, non queren que desapareza o galego, téñeno a ben, pero o problema non é ter algo en contra ou a favor do galego, o problema está en usalo. Hai moita xente á que lle gustaría dar o paso de falalo.

Pensas que axuda que haxa música en galego?

CAMELIAS NADAL

Axuda todo o que signifique normalizalo. O que máis axudaría sería un compromiso por parte de todas as formacións políticas para facer un proceso de inmersión lingüística. Ese sería o grande éxito. Porque iso significaría que as empresas e todo o que teña que ver coa parte económico-social do país, se puxesen ao tema.

Por Tamara Novoa
Fotos de Carlos Abal

[Podes ler a entrevista íntegra na revista A movida de Novembro. Faite con ela de formar gratuíta nos nosos puntos de distribución ou comeza a recibila na túa casa facéndote #AMOVIDALOVER ]

(GMT+01:00) Mar de Vigo

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.