CAMELIAS MASCOTAS

Mägo de Oz, Barón Rojo e Obús encherán o IFEVI de rock

O próximo 20 de outubro o IFEVI volverá encherse de música co rock de Mägo de Oz, Barón Rojo, Obús, Motores e Iron Hunter gracias ao II Festival de Rock do Concello de Vigo. Máis de 6 horas de pura adrenalina nas que gozar de grupos de primeiro nivel nacional.

Parece que co outono chegan os primeiros concertos ao IFEVI, ese recinto no que dez anos atrás actuaron artistas da talla de Bob Dylan. Tras a confirmación do tributo Dios Salve a la Reina neste mesmo lugar, hoxe coñecemos que unha semana antes terá lugar a II edición do Festival de Rock do Concello de Vigo. O cartel estará formado por 5 punteiros do rock e do metal nacional: Mägo de Oz, Barón Rojo, Obús, Motores e Iron Hunter. O prezo será de 20€ anticipadas e de 25€ na porta do recinto, ambos prezos sen contar os gastos de xestión.

Mägo de Oz, tras 30 anos de carreira, son por dereito propio o grupo referente de folk metal da península. A súa mestura de poderosas guitarras eléctricas e instrumentos propios da música celta convertéronos nun dos grupos nacionais máis importantes da pasada década. Algunhas das cancións que o público vigués agarda escoitar o próximo mes serán Fiesta pagana, La costa del silencio, La rosa de los vientos ou La posada de los muertos.

REVISTA NOVEMBRO

Con máis de tres décadas de música ás súas costas, Barón Rojo pode considerarse un dos pais do heavy metal e do hard rock no noso país. Os irmáns de Castro seguen empeñados en bombardear coa súa poderosa música todo o mundo, como así o demostran as súas xiras por Europa e América.

Outro dos pais do xénero en España foron os madrileños Obús, un grupo que segue fiel ao seu estilo desde os seus inicios nos anos oitenta. Ademais do seu vibrante directo, destaca o coidado espectáculo visual nas súas representacións en vivo. A banda liderada por Fortu virá a Vigo disposta a entregalo todo sobre o escenario.

Por último, destacar ás dúas bandas que representarán a Vigo neste II Festival de Rock. Antonio Amblés (cantante), Toni Lápidas (guitarrista), Gonzalo del Río (baixista), Carlos del Río (guitarra e voz) e Miguel González, todos eles procedentes de bandas moi importantes da escena galega como Los Cafres e Desertores, formaron en 1990 Los Motores. Actualmente, e despois de 28 anos de carreira, Los Motores están formados por tres dos membros fundadores da banda e o batería que máis discos gravou para esta: Carlos Rivas. Pola súa banda, o grupo de metal Iron Hunter, o máis novo do cartel, está formado por Alex Sixstrings, Emi Ramírez, Anxo Silva, Paco Paz e Alex Outeiro.