CAMELIAS MASCOTAS

Madriguera Workshop, a toba da cerámica

En 2012 naceu Madriguera Workshop, un proxecto de cerámica artesanal ideado polo escultor Lluis Llamas e a fotógrafa Lydia de la Piñeia.

Antes de seren oleiros, Luis Llamas foi escultor namentres que Lydia de la Piñeia foi fotógrafa e directora de arte. As andanzas desta dupla no mundo da arte e a paixón pola artesanía veñen de lonxe, pero foi en 2012 cando decidiron que a cerámica era a materia ideal para desenvolveren un proxecto conxunto. Con moita práctica e investigación, chegaron a dominar con mestría a habilidade e a dedicación de facer algo fermoso coas mans, aprenderon todo o que hai que saber sobre o material e, despois de varios proxectos, hoxe contan cun taller na planta baixa da casa en que viven, cun bonito xardín e un horto de froitas e verduras preto do mar. Un lugar que inspira a seguir medrando paseniño e aprender sobre a cerámica e o deseño baixo unha marca de seu: Madriguera Workshop.

Desde Galicia para o mundo, Lydia e Luis deseñan e producen cerámica artesanal creativa para un estilo de vida contemporáneo. O obxectivo é producir deseños creativos funcionais, que se adapten á vida real. A filosofía da marca é apostar pola duración dos produtos, con acabados de alta calidade e deseños orixinais cun toque atemporal. O proceso de produción de cada unha das pezas é totalmente artesanal; algunhas están elaboradas co torno de oleiro en diferentes arxilas de gres, mentres que outras están reproducidas mediante moldes de xeso.

REVISTA NOVEMBRO

Madriguera Workshop ofrece todo tipo de vaixela para organizar unha boa enchente na casa: pratos, cuncas e boles en cores vivas para encher de alegría calquera mesa. Tamén tarros brancos para as plantas, cuns pés que parecen estar a piques de botarse a correr e adornos con ollos que as vixían. Cor, imaxinación e sostibilidade combinadas nunha simbiose perfecta.

Para encher o fogar e a mesa con pezas únicas, creacións dignas de namorar, pódese visitar madrigueraworkshop.com. E se nos queremos atrever a crear as nosas primeiras pezas, a empresa ofrece obradoiros presenciais diarios con almorzo ou mensuais, mediante os que será un pracer coñecer as súas mil e unha posibilidades da arxila.

Estela Gómez
Correctora literaria e redactora de contidos

The following two tabs change content below.

Estela Gómez

Estela naceu no 92 (o ano de Cobi) preto do mar. É filóloga e correctora literaria, cirurxiá de textos, amiga das redes sociais e ten un interese case innato pola moda e a cultura. Estela é aprendiza de todo e especialista en nada, ten incontinencia verbal crónica, e, grazas á mellor das sortes, as palabras danlle de comer.

Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)