VIALIA
REVISTA MARZO

Historia dun bolígrafo azul

A vida de Belén Diz Juncal (1993) cambiou ao coñecer as pezas hiperrealistas de Juan Francisco Casas (1976). Pola cor e pola técnica, a obra deste artista andaluz cuxa obra resultou especialmente atractiva para ela; comprendeu que todos os materiais, incluso os que parecen máis simples, teñen unha manchea de posibilidades. Aínda que Belén aplica outras técnicas, desde a revelación que nela provocou Casas, tanto como para ser o detonante da súa carreira artística, adoptou o azul como selo e o bolígrafo como ferramenta predilecta.

Banner A Movidiña

Belén Diz Juncal é unha ilustradora galega adicta a raiar o papel con bolígrafos Bic para crear novas realidades que pretenden completar a súa propia, trazando unhas liñas sobre outras, con máis ou menos intensidade, acumulándoas do mesmo xeito que se acumulan as vivencias, as sensacións e os sentimentos na memoria. Belén tamén é unha cinéfila con carácter que gusta de capturar instantes, rescatar recordos e afondar na sensibilidade de todo o que a rodea. Debuxa desde que ten uso de razón e nunca deixou de facelo, chegando a graduarse en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Na súa produción de azul sobre branco intenta construír as súas personaxes, case sempre mulleres, a partir de vivencias propias para situalas sempre nun lugar que cumpra a función de fogar, de acubillo, de refuxio. Mulleres valentes que bailan espidas entre lobos, corpos que se mesturan coa natureza e rostros anónimos que irrigan forza son algúns dos elementos máis característicos do seu imaxinario. Por suposto, o cinema tamén fai aparición entre as súas ilustracións e os protagonistas da película Call Me by Your Name, o novo Joker encarnado por Joaquin Phoenix, a femme fatale na pel de Mia Wallace ou os sanguinarios Peaky Blinders forman parte da película da súa vida. Belén converte algo tan simple como un bolígrafo nunha chave mestra e fai do máis simple unha obra de arte singular. Se queres conseguir un dos seus orixinais, non dubides en visitar a web belendizjuncal.com. Ademais, algunhas das súas personaxes entraron na tenda Vaidhé (rúa de Carral, 7), para que as poidas ver e levar á casa.

Por Estela Gómez

[Esta reportaxe pertence á revista A movida de febreiro de 2020. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]

The following two tabs change content below.

Estela Gómez

Estela naceu no 92 (o ano de Cobi) preto do mar. É filóloga e correctora literaria, cirurxiá de textos, amiga das redes sociais e ten un interese case innato pola moda e a cultura. Estela é aprendiza de todo e especialista en nada, ten incontinencia verbal crónica, e, grazas á mellor das sortes, as palabras danlle de comer.