Cerámica con nome de muller

Cuncos, macetas, pratos, xogos de café, xoias… Pezas cheas de maxia partindo do debuxo. A man que moldea a arxila ata facela chegar a estas formas inimaxinables é a de Nero, unha artesá nada en Vigo e con formación en Belas Artes. Durante os seus días na Escola de Artes e Oficios, grazas á liberdade infundada polos seus mestres, xurdiu Peixe Nero: un selo cheo de identidade que dá resposta ás inquedanzas creativas desta artista, que nos ofrece arte en cerámica feita á man achegando aos nosos fogares obxectos útiles dotados da beleza necesaria para habitar en espazos cheos de vida.
A filosofía de Peixe Nero é a de ofrecer a artesanía que poida ser empregada no día a día a través de obxectos creados con agarimo e consciencia. No seu imaxinario, Peixe Nero fai unha chamada á natureza mediante formas de animais, cores e elementos dos océanos, flores, plantas… Por outra banda e, dun xeito aínda máis particular, Nero amósanos o corpo humano e as liñas que conforman os recunchos da carne con imaxes sensuais, ambiguas e ardentes.
Neste ritual no que a terra se volve pedra e os diversos elementos da natureza dan pé a cristais, xogos de cores e texturas diversas. Atopamos abelorios con forma de mans, aneis con labios que bican, ollos que todo o ven, vaixela adornada con peixes, paxaros, corpos femininos espidos e pequenos amuletos que levar sempre connosco. Para coñecer estas pezas e moitas máis debemos visitar o Espazo Balea, un obradoiro situado en Candeán e formado por varias artesás e amantes do feito á man e a combinación de saberes, un lugar aberto no que a xente é benvida. Alí pódese mercar, asistir a talleres programados ou idear e facer encargos. Tamén podemos encontrar as marabillas de Peixe Nero en Bazares nos Bares, no Mercado de Arte do Calvario ou no Mercado da Reconquista. E sempre ei internet, entrando na bitácora peixenero.blogspot.com ou en redes sociais buscando por @peixenerocerámica.
Estela Gómez
Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)
- Papayan, dúas boas pezas - 7 Xullo, 2023
- Madriguera Workshop, a toba da cerámica - 23 Xuño, 2023
- Lar Atlántica, un oasis urbano - 20 Xuño, 2023
- Floradeira, xogos florais - 5 Maio, 2023
- Andión: De tal pano, tal saia - 14 Abril, 2023