REVISTA NADAL

Los Punsetes, Iván Ferreiro e festa swing para comezar o 2025

Despois da bacanal natalicia volvemos ás salas e teatros. Aquí dez dos mellores eventos dos que poderemos desfrutar en xaneiro de 2025.Preme no título de cada evento para máis información. Se queres coñecer todos os eventos que hai esta fin de semana entra na axenda de A Movida.

Los Punsetes estarán en Vigo este xaneiro

FESTA DE SAN BRAIS – Do venres 10 de xaneiro ao luns 3 de febreiro en Bembrive – De balde

Unha vez pasado o Nadal arranca a festa con máis sona de Bembrive: o San Brais. Ao longo de toda a parroquia alpendres e garaxes convértense durante estas datas en furanchos nos que degustar viño e tapas tradicionais e onde nunca falta o ambiente festivo e a música ao vivo.

MONÓLOGO DE SERGIO BEZOS – Venres 10 ás 22:30 no Teatro García Barbón – Desde 16,80 €

Sergio Bezos presenta o seu primeiro show de  Stand Up Comedy en xira, Sergio Bezos ha llegado a tu ciudad. O colaborador da Resistencia contaranos as súas experiencias vitais co seu peculiar punto de vista. As anécdotas persoais de Bezos mestúranse coa improvisación, isto fai que cada espectáculo sexa diferente.

MUSICAL ‘CHICAGO’ – Venres 17, sábado 18 e domingo 19 no Teatro García Barbón – Desde 49,50 €

O musical, que leva 27 anos en cartel en Broadway, fará cinco pases na nosa cidade. A historia, ambientada nos anos 20, describe un mundo de ambición, corrupción e asasinatos e está estrepleta de éxitos como “All That Jazz” e “Razzle Dazzle”.

CERTAME DE RONDALLAS – Sábado 18 ás 17:00 no IFEVI

O Certame de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo é un evento moi multitudinario no que cada agrupación participante ten un tempo limitado para a súa actuación na que ademais da interpretación musical, se valora a vestimenta, a variedade de instrumentos ou a coreografía que os rondalleiros fan mentres tocan. 15 rondallas de Vigo, Tui, O Porriño, Gondomar e Mos participan nesta edición e optan a seis premios.

CONCERTO DE CAFÉ QUIJANO – Venres 24 de xaneiro ás 21:00 no Auditorio Mar de Vigo – Desde 38,50 €

Tour de presentación do seu último traballo Miami 1990 no que volven mesturar pop rock con bolero no seu particular estilo. O espectáculo non está só no que cantan senón, tamén, no que contan. As súas cancións son curtametraxes que se entrelazan coa intrahistoria narrada entre canción e canción.

CONCERTO DE NICOLÁS PASTORIZA – Venres 24 na Casa de Arriba

Parte activa da escena viguesa desde finais dos 80, Nicolás Pastoriza formou parte de bandas como A Marabunta xunto a Pablo Novoa ou Ectoplasma . Tamén traballou como compositor para a TVG e para outros músicos. Na actualidade ten carreira en solitario e xunto á súa banda El Buzo.

CONCERTO DE SANTI ARAÚJO – Sábado 25 ás 21:00 en Radar Estudios – 16,50 €

Araújo regresa neste 2024 con Canciones para bailar,gravado integramente en cinta, este disco ofrece unha viaxe a través de 14 cancións que van desde a bossanova, o folk, ata a psicodelia, cunhas letras acompañadas dun fraseo que xa é característico seu.

CABARÉ SWING – Sábado 25 ás 21:00 na Fábrica de Chocolate

Festa lindy hop con DJs con actuacións flash de temáticas diversas (teatro, danza, canto, monólogos, maxia…). Organizada pola escola e baile Caixa de ritmos e Swing On Vigo.

CONCERTO DE IVÁN FERREIRO – Sábado 25 de xaneiro ás 21:00 no Teatro García Barbón – Desde 22,00 €

Iván Ferreiro presenta o seu novo álbum Trincheira Pop en directo. En escena estará acompañado da súa banda habitual, Pablo Novoa ás teclas, Ricky Falkner ao baixo, Xabier Molero á batería, Sergio Martínez nos teclados e programacións e con Emilio Saiz e Amaro Ferreiro ás guitarras.

CONCERTO DE LOS PUNSETES – Sábado 25 de xaneiro na Sala Rouge – 19,80 €

O quinteto madrileño, sempre presumiu dunha base rítmica contundente, demoledora, e nestes concertos non vai ser diferente. Farannos vibrar e gozar do seu directo tan especial no que repasarán os grandes hits da súa carreira. Todo iso, co punto de acidez que sempre caracterizou ás letras da formación.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.