CAMELIAS MASCOTAS

Lixo Atelier: un mar nunha man

Moi preto do mar, en Louro, foi onde naceu María Candamo. Nese lugar azul bañado polo Atlántico é coñecida, grazas a súa nai, como «María de Dina». É ese anaco de terra mareira o que a inspira para crear. Na súa casa sempre se traballou no mar, que tamén é fonte de ocio para se mergullar nel, pasear pola praia ou pescar. Por ese amor á aldea natal, esta familia ten o bo costume de limpar cada praia que visita. O que pode que María non soubese cando empezou a practicar ese pequeno gran acto é que se acabaría por converter na súa dedicación principal.

O proxecto de fin de carreira en Deseño de Moda que está a desenvolver María está enfocado en darlle unha segunda vida a materiais que xa non se poden usar no traballo co mar, sempre baixo un prisma ético de sostibilidade. Foi nun paseo pola praia a finais do verán pasado cando María se decatou de que o mar arrastra area, pedras de cores, cunchas fermosas… pero tamén moito lixo. E por que non empregar esa sucidade para darlle valor estético ao tempo que se limpan as praias? Así naceu Lixo, unha marca que ofrece aneis, colares e pendentes feitos á man, de un en un, capturando crebas recuperadas das nosas praias nunha proposta sólida, que busca darlle unha segunda vida aos residuos para convertelos en forma de xoia e recordatorio dun océano limpo.

Para levarmos un anaco de praia nunha man que aposte pola defensa da costa, podemos visitar a María a través da conta de Instagram @lixo.atelier e pedirlle o deseño que máis nos guste. Fagamos do lixo algo fermoso.

The following two tabs change content below.

Estela Gómez

Estela naceu no 92 (o ano de Cobi) preto do mar. É filóloga e correctora literaria, cirurxiá de textos, amiga das redes sociais e ten un interese case innato pola moda e a cultura. Estela é aprendiza de todo e especialista en nada, ten incontinencia verbal crónica, e, grazas á mellor das sortes, as palabras danlle de comer.

Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)