CIRCO DE NADAL
CAMELIAS NADAL

‘Son do mar’: convertindo o lixo mariño en arte

Con motivo da celebración da súa 4º edición, o festival Underfest presenta a exposición Son de Mar, unha abafadora exhibición de residuos mariños onde todo o que se ve foi devolto polo mar, nunha acción de sensibilización ambiental con base didáctica e de denuncia. A mostra, organizada polo festival en colaboración con Mar de fábula, Retoque Retro e CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), poderase visitarata o 7 de novembro na Casa das Artes.

Son de Mar é unha visión artística dunha problemática actual que non pode quedar fóra, onde arte e ciencia se unen para penetrarse no problema do lixo mariño buscando facer chegar a súa mensaxe ao espectador a través de todos os sentidos. A crueza das figuras relacionadas co lixo mariño e a contaminación fai desta exposición unha realidade transformada, para convidar á reflexión.

CAMELIAS NADAL

A exposición está realizada en colaboración con Mar de fábula, Retoque Retro, e o CEIDA, Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia. Mar de fábula e Retoque Retro son dúas asociacións vinculadas directamente ao coidado do medio mariño e á limpeza da costa galega. Unidas pola afinidade artística dos seus fundadores, adoitan realizar exposicións conxuntas cheas de beleza difundindo a mensaxe que o mar vai deixando ao longo da costa galega. Mar de fábula organiza limpezas de praias, campañas de sensibilización, talleres e convivencia artística da Costa da Morte. Retoque Retro é unha asociación da Coruña dedicada a crear obras de arte conxuntas, promover talleres e actividades a través do lixo que colleitan nas praias. En Son de Mar ambas as entidades contaron coa colaboración do CEIDA, un organismo que promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, e a procura de solucións á problemática ambiental fomentando as boas prácticas cidadás neste ámbito.

Ademais, o CEIDA organiza dentro da exposición os ‘Obradoiros Crebeiros’, unha actividade participativa onde se mostrarán tipos de residuos que se atopan na praia de maneira máis habitual, explicarán a súa orixe e ofrecerán propostas para loitar contra a problemática do lixo mariño, ademais de debater sobre o greenwashing. Desde o CEIDA apostan por dar valor ás ‘’crebas’’: todo tipo de residuos recolleitos nas beiras das praias, devoltos polo mar e que poden ser susceptibles de ser reutilizados, como arte, e como medio de transmisión dunha realidade moi preocupante. Estes ‘ Obradoiros Crebeiros’ celebraranse o venres 8 de outubro ás 19:00, e o sábado 9 de outubro ás 12:30 e ás 19:00 da tarde con acceso libre ata cubrir 10 prazas por sesión, na Casa das Artes.

No tocante ao festival Underfest, celebrarase entre o 7 o 12 de outubro en Vigo e aposta de novo por un formato especial con catorce concertos en sete escenarios diferentes da cidade. Artistas como La Mala Rodríguez, Mastodonte, The Mystery Lixeiros, Toundra, Lina_ Raül Refree e María Arnal i Marcel Bagés; os galegos Bflecha, Margarida Mariño, Grande Amore, The Bo Derek’ s e Sila Lua; e os andaluces Vera Fauna e Colectivo DA SILVA completan a programación da cuarta edición.