REVISTA ABRIL

Jota (Los Planetas): “As cousas interesantes están sepultadas por lixo e márketing”

Este sábado 29 o músico Jota, coñecido por ser o líder de Los Planetas, musicalizará en directo a obra do cineasta Iván Zulueta no Teatro Municipal de Tui, dentro do festival internacional de documental Play-Doc. Plena Pausa, o nome desta peculiar iniciativa, mostra o arquivo inédito do director vasco acompañado por cancións compostas ex profeso por Jota. Falamos co artistas granadino sobre este proxecto, as tres décadas de Los Planetas e a mercadotecnia na industria musical. As entradas están dispoñibles a 26€.

Juan Ramón Rodríguez Cervilla, coñecido no ámbito musical como Jota, non precisa de demasiadas presentacións. Líder da banda de indie máis influente da historia estatal, Los Planetas forman parte da banda sonora de milleiros de persoas desde hai tres décadas. Entre esas persoas están, por exemplo, a raíña Letizia Ortiz ou o presidente do goberno, Pedro Sánchez: “Iso indica o calado na cultura popular da nosa música. Nese sentido estou orgulloso porque representa un grande impacto na sociedade. E de ter fans ilustres, claro”, engade con humor.

Máis aló da anécdota, Jota e e os seus compañeiros levan moitos anos na dicotomía de ter que defender un importante legado e á vez continuar sendo innovadores: “A creatividade é o principio fundamental da arte. Tes que volver emocionarte co traballo que fas. A innovación e a busca de novas linguaxes é o que nos move a facer as cousas e se algún día se nos esgota deberiamos apartarnos”, explica. Jota rexeita de cheo a nostalxia, tan habitual en bandas con longas traxectorias: “O que fas na actualidade ten que ter un valor en si mesmo, non pode depender do pasado”.

Jota fumando nun concerto | P. Vázquez

Para exercitar esa creatividade Jota está atento as novidades musicais que van xurdindo nos últimos anos, aínda que admite que non sempre é unha tarefa sinxela: “Para min é difícil atopar cousas interesantes porque están sepultadas por lixo, información falsa e márketing brutal de cousas que non teñen valor. Entre os que teñen menos visibilidade sempre hai proxectos interesantes”, destaca. Entre estes artistas que pagan a pena, Jota destaca ao coruñés Aeronave Adolescente.

O granadino sitúa na década dos oitenta o momento no que o mercado comezou a prevalecer sobre o aspecto artístico, algo máis acentuado que nunca desde a popularización de internet: “Co tempo a industria foi perfeccionando os seus mecanismos de manipulación, polo que o normal é que a música que ten un verdadeiro valor artístico só se poda atopar nos mercados alternativos. A arte sempre foi así, sempre se refuxia en pequenas vangardas que van facendo que esa idea se propague co tempo”.

REVISTA ABRIL
Jota no Atlantic Fest en 2022 | P. Vázquez

Plena Pausa, un espectáculo único no festival Play-Doc

Este sábado 29 Jota subirá ao escenario do Teatro Principal de Tui, dentro do Festival Play-Doc, para presentar ao público o seu último proxecto: Plena Pausa. Nel musicaliza en directo, acompañado por unha banda, materiais inéditos filmados en súper 8 polo cineasta Iván Zulueta, falecido en 2009. En 2021 a Filmoteca Española adquiriu o arquivo persoal do artista vasco, e pouco despois propuxéronlle a Jota o labor de musicalizar estas pezas. Debido á grande admiración que o granadino lle profesaba ao cineasta, aceptou a tarefa. Así naceu Plena Pausa, un espectáculo que xa presentou en varias cidades españolas e que pronto estará recompilado nun disco.

Jota descubriu a Zulueta a mediados dos oitenta co seu filme Arrebato. O impacto xerado por esta obra de culto fixo que seguise de preto a súa interesante e escasa filmografía. Jota detecta paralelismos entre ambos: “Os dous vimos dunha corrente cultural moi similar, relacionada co rock and roll, a contracultura, Velvet Underground, The Factory de Andy Warhol… e esa forma de entender a cultura popular”, comenta. Para crear estas novas composicións Jota mergullouse de cheo nas máis de cinco horas de material inédito de Zulueta: “Son filmes moi íntimos, o seu cinema é moi autobiográfico e ten un sentido de trascendencia artística”, explica. Preguntado polo caso inverso, é dicir, quen lle gustaría que puxese imaxes á súa música dentro de varias décadas, Jota enumera a algúns dos artistas visuais que xa fixeron este labor “con diversos resultados”, como son Jesús Franco, Paco Plaza ou Luis Cerveró: “E cando morramos, se a xente se sigue lembrando de nós, que fagan o que queiran”, finaliza co seu característico estilo lacónico.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.