El Atelier de Diego Caride
Unha das paradas obrigadas na rúa de San Roque é El Atelier de Diego Caride, aberto hai case unha década en datas próximas ao Nadal. O primeiro que chama a atención ao entrar no local é o rico recendo e o ben que locen todos os produtos nas vitrinas. Mesmo antes de probalos, xa nos engaiolan.

Diego Caride sempre se dedicou á panadería e á repostería, e abriu o seu propio local para poñer en práctica algunhas ideas que levaban tempo a roldarlle a cabeza. Nas palabras do responsable do negocio: «Tratamos de ser o máis artesáns que o mercado nos permite, traballando coa materia prima máis básica para conseguir un produto bo, vistoso e saboroso».

A diferenza doutros comercios deste tipo, que tenden a ser panadarías con algo de doces, El Atelier divide os esforzos por igual entre ambos os dous eidos, logrando unha produción quizais máis reducida, pero de gran calidade: «Facemos unhas tiraxes limitadas dun pan que intentamos que sexa o máis san posible».

Caride non considera que teña un único produto estrela, senón unha oferta moi variada e equilibrada que funciona en conxunto. Con todo, destaca a boa acollida do pan «Atelier», un produto diferencial que se caracteriza por levar un mínimo de lévedo e botar tres días de fermentación; no apartado doce, destaca as porcións e as tortas individuais, deseñadas para probar diferentes variedades de pasteis dunha sentada.

Rúa de San Roque, 101 | 986 27 65 74 | @elatelierdediegocaride
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- O Concello impide a celebración do festival Mar de Galicia a menos de 24 horas da súa celebración - 18 Xullo, 2026
- Novidades musicais locais para escoitar cos pés a remollo - 17 Xullo, 2026
- Sinsal vertebra a súa edición máis ambiciosa a través do Camiño Portugués e o patrimonio industrial - 8 Xullo, 2026
- Os concertos de Castrelos teñen un custo de arredor de tres millóns e medio de euros - 30 Xuño, 2026
- Do bar ao mundial: a evolución imparable do fútbol gaélico en Galicia - 29 Xuño, 2026

