Lei mosaica
Ao longo da vida, as células divídense nun proceso denominado «mitose». Para iso teñen que copiar o seu propio código xenético. Con todo, imos acumulando diferentes mutacións no ADN propias de cada proceso de división celular. Isto vai xerando distintos clons, que son células xeneticamente idénticas, o que leva ao fenómeno coñecido como mosaicismo.
Este é o campo de investigación da científica Nuria Estévez, do CINBIO, Centro de Investigación cofinanciado con fondos FEDER. «Existen moitas enfermidades asociadas ao mosaicismo; unha delas é o cancro, onde se produce unha expansión clonal descontrolada. As células de forma espontánea comezan a adquirir mutacións fundamentalmente en xenes supresores de tumor e oncoxenes que alteran os seus patróns de crecemento, diferenciación, morte e interacción coas células veciñas», explica a investigadora. «Como resultado destes procesos descontrolados, obtense unha masa anómala de tecido composta por diferentes poboacións clonais coñecida como tumor». Estes clons poden chegar a invadir outros tecidos ou viaxar a través do torrente sanguíneo, que é o que coñecemos como metástase, xerando novos tumores e expandindo a enfermidade.
«Mosaicismo vén da palabra mosaico», conta a experta, «e é unha metáfora para explicar que así como un mosaico está formado por pezas de distintas cores os tumores tampouco son homoxéneos senón que están formados por distintos clons». Estévez traballa co científico David Posada, un dos de maior impacto da Universidade de Vigo, quen vén de estudar a evolución xenética dos tumores grazas á bolsa Consolidator Grant (CoG), do Consello Europeo de Investigación (ERC). Todos estes traballos levan a unha nova medicina, que permite estudar o cancro de xeito individualizado. «Cando se fai unha biopsia tradicional, analízase o tumor coma un todo e se fai un tratamento xeral», explica Estévez. «Pola contra, o estudo do xenoma de cada célula é fundamental para lograr entender como aparecen os tumores, como medran e avanzan en cada paciente; con iso poderíanse aplicar tratamentos personalizados».
Porque non todas as células son iguais nun tumor. E por iso esta liña de investigación do CINBIO vai cara a unha nova medicina, que xa está a revolucionar o tratamento do cancro.
Eduardo Rolland
Xornalista