CAMELIAS MASCOTAS

La entreplanta del 13, dous pisos de sabor e vangarda

Leva poucos meses en funcionamento, pero La Entreplanta del 13 xa destaca no casco vello de Vigo pola calidade da súa materia prima, tratada con técnicas tradicionais e vangardistas. Este novo negocio foi ideado cun concepto de restaurante divertido, no que a carta cambia segundo o sitio no que se sente o comensal, o tempo do que dispoña e a fame que teña.

No centro neurálxico do tapeo vigués, o casco vello, abriu en marzo La entreplanta del 13, un local diáfano de amplos ventanais no que degustar produto galego tradicional cociñado con técnicas e combinacións contemporáneas. Ofrece dous tipos de experiencias con cartas e espazos independentes: a planta baixa e a terraza están pensadas para petiscar con amigos, uns tacos de polbo, unha gyozas de galo celta ou un fish and chips. Na planta de arriba os espazos se agrandan e, entre fotografías da nosa ría, o menú vólvese máis tradicional. Aquí un pode sentarse con tranquilidade a desfrutar dun primeiro, segundo e postre, pero sen perder a esencia de tradición actualizada e con matices de alta cociña que definen a este novo restaurante.

A cargo da cociña atopamos a Álex Falcón un experimentado chef que antes de instalarse na zona vella inaugurou e resucitou outros negocios e foi xefe de cociña no restaurante de Yayo Daporta, un establecemento en Cambados cunha estrela Michelín; acompáñao na cociña Alba Aguiar e Juan como encargado de sala. A alta calidade da materia prima está na base da filosofía do local, asi como a orixinalidade das preparacións. “Quixemos afastarnos do menú de croquetas e calamares. Non porque non nos guste, senón porque xa existe esa oferta na zona”, explica Falcón.

Moitos ingredientes están presentes en ambos planos: a costela que se come con coitelo e garfo no primeiro piso pódese probar tamén na planta baixa, dentro dunha arepa que se devora coas mans. O mesmo co polbo, que arriba cómese á brasa con cachelos e abaixo envolto nunha tortilla de taco. Ademais da carta permanente a idea do equipo é “xogar continuamente cos fóra de carta”, que poden consultarse semanalmente na web, as redes e o propio local. Isto permítelles adaptar a oferta aos produtos de tempada e renovar continuamente a súa oferta. Tamén cambia o menú semanal que ofrecen cada mediodía, dirixido aos traballadores da zona.

REVISTA NOVEMBRO

Teñen ademáis un dos horarios máis convenientes da zona, pois están abertos os sábado e os domingos tanto para comidas como para ceas, ampliando a escasa oferta para os vermús e as xuntanzas do último día da semana.

Por onde empezar: As elaboracións e combinacións de La entreplanta del 13 poden resultar impredecibles para os nosos padales, por iso Álex Falcón, xefe de cociña, suxírenos un menú cos seus pratos favoritos da carta, no que captar toda a esencia dos seus fogóns. De primeiro, zamburiñas coroadas con millo crocante; de segundo, atún vermello glaseado acompañado de cacahuetes, na opción de mar, ou canelóns de galo celta en pepitoria, na de terra; na sobremesa a estrela é a torta de queixo con glaseado de licor café. Prezo: 41 € / 31,50 €

Rúa de Carral , 13, baixo dereita
laentreplantadel13.com
@laentreplantadel13

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.