José Arcas: “As Cíes son moito máis que a praia, as gaivotas e o faro”
De pai ourensán e nai venezolana, José Arcas García (Caracas, 1969) recalou en Vigo contando cun aniño. Dúas son as afeccións que ten desde pequerrecho: a arte e a natureza, facetas que conxuga nas obras que firma. Nun dos recunchos verdes da cidade, o monte do Castro, tivemos unha conversa á sombra de árbores centenarias, amenizada coa banda sonora dos paxaros.
Dis que botaches máis tempo no campo que en ningures, pero en realidade criácheste aquí, no medio da cidade, non?
Si, pero fuxo da cidade, non me gusta quedar aquí. O meu pai fixo unha casa nas montañas, moi preto de Maceda, e eu botaba alí os veráns. Sempre que podía, facía unha escapada para alí. Estabamos todos aí metidos, mesmo cando esa casa non era máis que un alboio.
De onde che vén a fascinación polos animais e a natureza en xeral?
A verdade é que non o sei. Para o de pintar si que teño unha explicación: a miña nai sempre pintou; pero sobre o da natureza non teño referentes, xa que os meus pais nunca lle deron moito valor ao monte.
Con esa querenza, seríache doada a escolla para estudar Bioloxía…
Matriculeime en Bioloxía mentres esperaba por algunha vacante en Veterinaria, carreira para a que non acadara a nota de corte. Pero cando me chamaron daqueloutra titulación, estaba tan a gusto na que entrara, que alí quedei.
Rematados os estudos, desenvolvícheste profesionalmente como biólogo, non si?
Si, licencieime, fixen o doutoramento e andei por España adiante facendo traballos en proxectos de conservación a través do programa LIFE da Unión Europea. Estiven na delegación estremeña da Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO Birdlife), estiven tamén en Murcia… Pero chega un momento no que te decatas de que cando algo que che gusta moito se converte en profesión acaba por estragarse. Talvez porque o que paga esixe máis, tes que cumprir con cousas que non che gustan, andan os políticos polo medio… empórcase todo. Acabei moi queimado. De feito, cando volvín para a casa, non quixen saber nada nin dos estudos nin falar de paxaros, estiven un tempo sen poñer un pé no monte.
En que momento decides dedicarte á arte?
A arte sempre me gustou. Pero ao primeiro houbo outras cousas que me chamaron máis a atención, ás que lle dediquei máis tempo. Cando esoutras cousas se esvaeron, a pintura seguía estando aí. Agora éme unha vía de escape coa que me vai moi ben.
Dedícaste á arte por completo?
Non, nin quero facelo, porque me pasaría o mesmo que me pasou coa bioloxía. Prefiro estar como estou, ter a liberdade e mesmo a chulería de facer o que quero. Cando me ofrecen algún traballo que non me convence, pódome permitir o luxo de dicir que non, porque eu non vivo diso.
O tema principal das túas creacións son os animais, supoño que é algo que vén da querenza e o coñecemento que tes sobre eles.
Sempre pintei animais. Ultimamente estou facendo máis paisaxes, pero nelas tamén aparece a fauna.
Gústache pintar in situ, no propio campo?
Vou ao campo e observo. Levo a cámara de fotos, o caderno e o telescopio. Cando teño diante o que quero debuxar, intento captar o momento. Gústame moito a luz, os contrastes, plasmar eses matices no papel. Pero no campo é moi difícil dispoñeres a pintar unha acuarela: o becho pode moverse, aparece xente… Así que intento captar toda a información que podo en bosquexos e fotos. Con todo iso, vou para a casa e pinto.
Como concibiches o libro Caderno de campo das illas Cíes?
É moi simple, temos un Parque Nacional diante de nós e hai que aproveitalo. A información que había sobre as Illas Atlánticas era xa moi vella, polo que un día lle propuxen a idea á editorial Catro Ventos, gustoulles, e puxémonos a traballar no libro.
Fixestes unha campaña de micromecenado que funcionou moi ben…
A verdade é que si. Eu esperaba recibir resposta, pero non a tanto nivel. Tamén é certo que Catro Ventos Editora se esmera no labor que fai. Cando se pon tanto cariño a unha cousa, todo resulta máis doado de facer e sae moito mellor.
Que atopamos no libro?
Información que non hai nos folletos. A bibliografía que hai dispoñible sobre as Cíes son as catro rutas marcadas e especies que podes atopar, a grandes trazos. É certo que nun parque natural non podes poñerte a pasear por onde che dea a gana, pero nos parámetros das devanditas rutas, eu pretendía ofrecer un pouco máis de información. Moita xente baixa do barco, colle sitio na praia e logo vai ao bar ou, como moito, sobe ao faro, como se non houbese máis que facer. Eu pretendía fuxir diso, as Cíes son moito máis que a praia, as gaivotas e o faro.
Dis que a visita ás Cíes empeza no barco…
No traxecto que hai desde o peirao ata as illas, hai unha chea de cousas que ver, o que pasa é non se lle adoita dar aprecio, cóllese ese barco coma quen colle un autobús. Cuns prismáticos, pódense ver desde a borda arroaces, corvos mariños, pescadores… Unha manchea de cousas á vista.
Vivimos desnortados…
É falta de atención. Parece que as cidades son lugares nos que non hai vida, e é todo o contrario. Non fai falta subir ao Castro para sentir o canto desa carriza. En calquera plantiña que haxa á beira da parada do autobús, sempre hai algún bechiño… No paseo do Lagares podemos observar as londras. Moita xente pasa por alí a camiñar, correr ou andar en bicicleta, pero non se ve xente a desfrutar da paisaxe.
Como pensas que poderiamos mellorar a relación coa contorna?
Abrindo os ollos. Sentándonos a escoitar. A vista e o oído son sentidos moi poderosos.
Como debería mellorar a xestión ambiental desde as institucións?
Mudando de mentalidade. Coidar do medio ambiente non é instalar papeleiras e pasarelas de madeira nas praias, senón respectar os espazos verdes e deberlle un respecto ás árbores centenarias. O que non se pode facer é arrasar con todo para instalar unhas plataformas. Dáme moita rabia ver que a mellor praia para a observación de aves que temos, A Calzoa, se destine a levar cans. Eu teño can e non o levo alí, sentiríame fatal se o fixese. É a peor praia para iso, e non teríamos este conflito se consultas con expertos na materia. Estanse recollendo sinaturas para denunciar esta aberración no Parlameto Europeo.
Hai algunha cidade que nos podería servir como exemplo?
Londres. Colles un metro, e a trinta quilómetros tes un bosque cheo de esquíos gabeando polas árbores, cervos cunhas cornamentas espectaculares… É alucinante o que alí hai. E falamos dunha cidade dez veces máis grande cá Vigo.
Outra cuestión preocupante é a mala xestión dos montes, algo que quedou de manifesto terriblemente cos incendios do 2016. Que pasa?
O que pasa é o de sempre: se o monte non dá diñeiro, non vale para nada. Non hai unha base, unha educación da xente que ten parcelas; as mancomunidades teñen que buscar a rendibilidade doutra forma. En Estremadura, que é unha comunidade pobre e latifundista que practicamente non ten industria, descubriuse o ecoturismo. Historicamente, alí sempre lle deran as costas á natureza, pero mudaron de mentalidade e agora o verde é primordial e vailles xenial así. Calquera persoa que teña eucaliptos en Galicia ten que sa saber que iso non é bo. Pero nisto pasa como na caza, hai grupos de presión con moito poderío. Hai que educar desde a base.
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Ledicia Costas: «O humor e a infancia moven o mundo» - 25 Outubro, 2024
- Mariña López: «O museo da industria conserveira non debería estar no monte» - 29 Agosto, 2024
- Villa Idalina, pícnic privado con vistas ao Miño - 12 Xuño, 2024
- Ailén Kendelman: «A través do humor podemos saír de situacións dolorosas» - 28 Maio, 2024
- Bruno Arias: «A xente está decatándose de que unha película en galego pode ser boa» - 25 Abril, 2024