Jorge Pardo, Panda Bear e o Festival Gorrilla esta ponte en Vigo
Arranca decembro cunha apetecible ponte na que poderemos gozar de todas as actividades de lecer que a cidade nos ofrece: concertos, mercados, artes escénicas e actividades natalicias. Preme no título de cada evento para máis información. Se queres coñecer todos os eventos que hai esta fin de semana entra na axenda de A Movida.
CONCURSO DE CORDA – De mércores a domingo no Conservatorio Superior – De balde
Do mércores 4 ao domingo 8 de decembro o Auditorio Martín Codax do Conservatorio Superior de Música, situado no Castro, volve acoller o Concurso de Corda Cidade de Vigo organizado pola Asociación Galega de Instrumentos de Corda (AGIC). Fundada na cidade da oliva, esta asociación traballa co obxectivo principal de fomentar, cultivar e impulsar o estudo e o ensino da música de corda en Galicia. Oitenta e tres músicos menores de 24 anos, procedentes de España e Portugal, participan con violíns, violas, violonchelos e contrabaixos na décimo terceira edición dun concurso que xa é un punto de encontro obrigatorio no panorama ibérico.
PANDA BEAR – Xoves ás 21:00 en Mondo Club – Desde 15,00€
Pasaron dúas décadas desde que Noah Lennox debutou como batería e vocalista enmascarado en Animal Collective. No seu proxecto persoal crea música harmónica, con bucles vocais orquestrais e un denso armazón de melodías repetitivas que conforman unha irresistible mirada cara ao futuro.
MÍO CORVO – Xoves ás 21:00 na Sala Supersonic – Desde 12,00€
Mío Corvo é David Martínez,un músico vigués, trotamundos e autodidacta, amante do piano desde neno. O seu último traballo, producido por Paco Trindad, é unha colección de temas maduros e cheos de sentido que dan voz a ese paxaro negro que o acompaña.
ANIVERSARIO DOPPLER – Xoves ás 23:00 na sala Doppler – Entradas esgotadas
A Sala Doppler, unha das máis activas da noite viguesa, fai este xoves 7 anos de vida e celébrao cunha festa por todo o alto. Unha noite especial na que ademais de contar con diferentes artistas, haberá regalos, chupitos, copas e descontos dos patrocinadores. No apartado musical estarán, tanto en directo como en sesión DJ, Rico Rosa, Lua de Santana, Lorna, Royce Rolo, Tekilas e Rafitta & Ganxx, ademais doutros artistas sorpresa.
LAREIRA MARKET – Venres, sábado e domingo de 10:00 a 22:00 no CC Vialia – De balde
Mercado de artesanía e comercio local que se celebra as fins de semana de Nadal en Vialia. Cada semana participan postos diferentes. O mercado terá lugar no segundo andar os días 6, 7, 8, 13, 14, 15, 20, 21, 22 e 27, 28 e 29 de decembro.
JORGE PARDO – Venres ás 21:00 na Sala Masterclub – Desde 20,00€
Jorge Pardo é gañador do Grammy Estadounidense 2020 polo Álbum Antidote xunto a Chick Corea, galardoado pola Academie Française du Jazz en 2013 como mellor músico de Jazz Europeo (primeiro español en logralo) e ademais premiado en 2015 polo Ministerio de Cultura de España co Premio Nacional de Músicas Actuais. Este ano o seu álbum Transo Sketches foi galardoado como mellor álbum de Jazz polos premios MIN en España. Os seus 30 anos integrando a banda de Paco de Lucía, a súa participación no álbum “La Leyenda del Tempo” con Camarón de la Isla e os seus álbumes e xiras con Chick Corea fan de Jorge un artista único no mundo e unha lenda do jazz estatal e internacional.
UNAMOTO + VOODOO MANTRA – Venres ás 21:30 na Sala Kominsly – 6,00€
Debut da banda galega Unamoto, que vén de publicar un interesante e potente EP que lembra as King Gizard máis salvaxes.
BÖJ + JAM SESSION – Venres ás 22:00 no The Monk Pub – Caixa inversa
Grupo que destaca pola súa variedade de formacións e repertorios centrados na música tradicional dos pobos do eixo atlántico. Ao rematar o concerto, sesión aberta para quen queira participar.
FESTIVAL GORRILLA – Sábado desde ás 18:00 en diferentes locais de Churruca – Desde 4,00€
Teatro Gorrilla é unha iniciativa que comeza no 2019 programando cada 15 días na Casa de Arriba como resposta á baixa visibilidade das artes escénicas e a escaseza de espazos para a sua práctica e desfrute na cidade de Vigo. Apostan por crear espazos novos de intercambio de ideas e arte sen ter a preocupación por o que pode costar unha entrada a un espectáculo, por iso, a entrada é de libre pago voluntario inspirado no teatro de rúa onde se “pasa a gorra”. Comeza ás 18h no Tinta Negra, Rúa dos Irmandiños, 2; continúa ás 19h na Cantina Candela, Rúa Martín Códax, 12; ás 20h espéranvos na Sala Kominsky, Rúa dos Irmandiños,3; ás 20.30h suben á Casa de Arriba, Rúa Martín Códax,23 e ás 21.30h rematamos no Arco da Vella, Rúa Churruca,2.
Todas as actividades e atraccións relacionadas co Nadal continúan activas unha fin de semana máis, onde se prevee unha alta afluencia de xente. Temos o circo, a pista de xeo e karts, o mercado de Nadal, o concurso de Beléns e un longo etcétera.