VIALIA
bannerPicnicSesions

Todo o que podes facer en Vigo esta ponte

De xoves a domingo moitas serán as actividades que poderedes facer esta ponte en Vigo. Tanto se che encanta o Nadal como se non, tes unha morea de cousas que facer estes días!

Un mar de móbiles gravando o espectáculo lumínico da árbore | Pablo Vázquez

Moita xente aproveita esta ponte da Constitución para marchar uns días de viaxe, pero tamén os hai que deciden quedarse e aproveitar o tempo de ocio na propia cidade. Un ocio, que por certo, ten unha gran oferta para estes días.

Comezando polo omnipresente Nadal, a iluminación e demais elementos decorativos seguirán nas rúas para o goce tanto dos locais como dos foráneos. A árbore realizará o seu particular espectáculo acústico-visual tres veces ao día (19:00, 20:00 e 21:00), o mesmo que o bus turístico, que fará tres percorridos distintos para que poidamos apreciar toda a cidade vestida de gala. Para ver as luces e coñecer máis a fondo a cidade, pero a pé, temos os free tours de Vigo para Vigueses, dispoñibles durante a fin de semana.

Por se aínda queres máis, podes visitar o Belén veneciano da Casa das Artes, de 100 metros cadrados, e o Poboado de Nadal na Casa Galega da Cultura, ambos de balde. Continuando cos planes familiares, Papá Noel estará na súa caseta na Rúa Príncipe agardando a todos os nenos e nenas que queiran compartir con el os seus desexos para este Nadal.

Aqueles que queiran pór a proba a súa destreza sobre os patíns xa poden ir practicar as pistas de xeo do Náutico e de Samil. Ademais, como novidade, ao carón desta última hai montada unha pista de karts para aqueles que prefiren pórse sobre catro rodas.

Toda a información sobre estes eventos natalicios a podes consultar no noso especial de Nadal.

Deixando á marxe as luces e agasallos, na Praza do Rei haberá unha carpa chea de actividades e xogos para crianzas baixo o nome de ‘Gatiños, ghatiñas, gatíos. Xeitos de falarmos galego’, onde haberá  12 espazos que, ademais de á aprendizaxe, convidan á experimentación e á diversión.

REVISTA ABRIL

A cantiade de concertos esta fin de semana será, como é habitual nestes lares, tremenda: High Pawn con Elephants Yard o xoves no Contrabajo; The Baboon Show na Master, Maldito Murphy na Radar, Mad Martin Trío na Fábrica, Brothers Till We Die na Transylvania ou Ale González na Casa de Arriba o venres; por último, o sábado, estarán Sabela King & The Heartbreakers na Pecera, Tulip e Ambre na Fábrica, Desertores no Contrabajo, Los Nitxos na Kominsky e David Sinespinas na Casa de Arriba.

Que es máis de teatro? Xosé Touriñán e Carlos Blanco volven co seu ‘Somos Criminais’ cunha triple función no Teatro García Barbón. A obra ‘Mambo’ estará na Sala Ártika tanto o xoves como o venres, e no Teatro Ensalle temos ‘Deixa de tocala, Sam’, con triple función venres, sábado e domingo.

Se queres coñecer todo o que se move esta ponte en Vigo, consulta a nosa axenda!