REVISTA ABRIL

Javier Romero: «O do narcosubmarino é o alixo máis singular do narcotráfico europeo»

Javier Romero Doniz (Xinzo de Limia, 1980) non naceu na nosa cidade, pero leva anos traballando na sección de sucesos da delegación de La Voz de Galicia en Vigo. É o experto en narcotráfico dese xornal e acaba de publicar Operación Marea Negra, un libro no que recrea a viaxe en narcosubmarino do río Amazonas á ría de Aldán, pilotada polo vigués Agustín Álvarez Martínez.

En que momento da túa traxectoria profesional empezaches a interesarte polas páxinas de sucesos?

Empecei a traballar en La Voz de Galicia na Coruña, logo estiven en Ourense e despois, mandáronme ao Barbanza circunstancialmente, para cubrir unha baixa, e así entrei na sección de sucesos no 2013. O feito de estar no Barbanza, que é o lado norte da Ría de Arousa, fixo que a cada pouco estivese cubrindo operacións de narcotráfico.

Ata entón non che chamara a atención?

Si. Eu recordo, de rapaz, ver nos xornais as imaxes da redada da Operación Nécora e logo, xa de adolescente, o xuízo na casa de Campo, e xa a partir de aí cada pouco saía nas noticias unha nova operación. Tamén coincidín nos colexios con fillos e netos de xente importante no mundo do narcotráfico. Era algo que estaba aí.

E aquí, hai moita materia criminal?

Vigo é a primeira cidade de Galicia en poboación e ten unha área metropolitana que chega case ao medio millón de habitantes. Ten un aeroporto, un porto, hai empresas, hai capitais estranxeiros entrando e saíndo, é punto de de encontro para moita xente… A fronteira con Portugal faina especialmente sensible á trata de persoas, ao tráfico de cocaína, haxix e heroína que procede do sur. É unha cidade que, por poboación, ten a súa delincuencia no día a día. O mal existe, hai crimes e algúns queremos contalos.

Cal pensas que é a función do bo xornalista á hora de cubrir estes casos, evitando caer no sensacionalismo?

Hai dúas maneiras de traballar: unha é de oídas e a outra é escoitando a xente e contrastando a historia que se recolle en cada investigación, que é o que se vai xulgar. O que non vale de nada é falar dunha operación contando un relato que non está xudicializado. Temos que cinguirnos a iso, o resto pode caer na propaganda, e iso pasa en calquera sección dun xornal.

Que ten de especial o caso do narcosubmarino para que o levases a un libro?

Pois é un suceso inédito en Europa. Ata o punto que se pode dicir que é o alixo máis singular do narcotráfico europeo. A partir de aí, unha cuestión fundamental é entender que carallo pasou eses 27 días dentro do narcosubmarino. Reconstruír iso era un reto. Logo está a parte humana: un piloto que ten un pasado como boxeador, un rapaz normal e corrente que acaba aí; ver que os acusados de colaborar en terra con el eran amigos da infancia aos que recorría cando se vía necesitado. Descubrir o que aconteceu en Colombia. Facerlle a autopsia ao narcosubmarino, desmontalo peza a peza. Que ten? Ten de todo!

Lembras como recibiches a noticia da aparición do narcosubmarino?

Si, sacáronme da cama ás nove da mañá un domingo que tiña libre e marchei pitando para Aldán.

Tiñas algunha sospeita?

Ningunha, levábase todo en absoluto segredo. Todo era hermético cando cheguei a Aldán, ninguén falaba nada, acababa de consumarse o afundimento. Só había un detido, o segundo tripulante prendeuse naquel momento, pero faltaba o terceiro, do que xa se apuntaba que podía ser español e que podía ser o piloto. Estaba todo acordoado, non se podía chegar á praia. A cousa era estar alí, máis que nada por puro vicio.

O relato vólvese cada vez máis inverosímil á medida que imos avanzando nel. Que pode levar a alguén a facer o que fixo Agustín?

Voume limitar ao que el dixo: declarou que o fixo por cartos, por necesidade económica. Está por ver se realmente esa necesidade era tan agoniante como para non ter nin que comer, ou se era porque simplemente quería máis diñeiro.

Teño entendido que intentaches falar con Agustín pero non o conseguiches.

Non, nada. A súa actitude é de discreción. El sabe que neste mundo hai cousas que non se perdoan, el é moi consciente e está preocupado do seu entorno. Mantén unha actitude pétrea de silencio absoluto, sabe que toca agora pagar e penso que di moito del iso tamén.

Ao teu parecer, que é o máis sorprendente deste caso?

A travesía. Despois de todo o que pasaron os 27 días alí metidos, aínda hoxe me custa crer que sobrevivisen. Logo hai máis cousas, como a construción do narcosubmarino nun estaleiro fantasma…

Levas tempo investigando temas de narcotráfico. Galicia segue a ter un papel tan importante?

Absolutamente. Por unha cuestión xeográfica e porque, por moitas detencións que se fagan, isto xera uns beneficios tremendamente altos e sempre hai xente disposta a coller a remuda dos que caen. As cifras de incautacións no último lustro evidencian que estamos aí. Como din os investigadores policiais, aquí non se traballa para eliminar o narcotráfico, trabállase para acantoalo.

Coñecemos con nomes e apelidos os tres tripulantes, tamén os dos amigos que axudaron desde terra a Agustín, pero non sabemos nada de quen fixo a encarga ou de quen ía recibir a droga aquí.

Por iso esa xente non está detida. É unha cuestión que se investigou e que posiblemente se seguirá a investigar. Antes falabamos de que era o alixo máis singular de Europa, pois quen vai pagar o pato, máis aló dos tres tripulantes, son catro persoas alleas ao narcotráfico, sen medios. É certo, como apunta a acusación, que aceptaron lucrarse, pero que esas persoas alleas a todo isto é unha verdade empírica.Pagan os peóns, os que realmente están na cúspide de todo o negocio non ven un gramo de coca na vida. Non teñen contacto coa droga, teñen xente a soldo que fai o traballo sucio.

Cal é a opinión que tes sobre a legalización das drogas como solución ao narcotráfico?

En Holanda había un paraíso que eran os coffee shops. Falábase do progresistas que eran eses locais, pero acabáronos penalizando e hoxe Holanda ten o maior problema de narcotráfico de toda Europa, mesmo por enriba de España. As orixes deste problema están naquel haxix. Aínda que era legal vender nos coffee shops, chegaba ata alí por vías ilegais. Cando se ilegalizou todo aquilo, esas vías ilegais seguiron funcionando, alimentando redes de crime organizado, de diñeiro negro. Iso é o que agora fai que o porto de Antuerpen e os portos dos Países Baixos sexan os primeiros en traficar con cocaína. Eu non son ninguén para dar unha opinión ao respecto, pero temos un exemplo no continente e a proba de que as consecuencias non son boas.

Como avalías o traballo que se fai desde as forzas e corpos de seguridade para parar o narcotráfico?

Creo que os corpos aquí, en Galicia, están altamente profesionalizados. O problema non é a parte policial, senón o sistema xudicial tan garantista que temos. Isto pódese ver case a diario, cando hai presos que cun risco alto de reincidencia ou fuga saen da cadea porque se dilatan os procedementos xudiciais. Acaba de acontecer coa Operación Mito, que foi o último golpe policial a Sito Miñanco e a toda axente implicada organización internacional que ten detrás. Agora van saír en liberdade porque se esgotan os catro anos de prisión provisional aínda e non hai xuízo. E son indivíduos con moitas probabilidades de darse á fuga, moitos son estranxeiros e terán a onde ir. Outros, talvez volvan ás andadas.

Viaxaches a Colombia no marco do documental baseado no teu libro, que Amazon Prime Video vai estrear proximamente. Como foi a experiencia?

Foi a comprobación de que a cousa non ten solución. Estamos falando dun problema de corrupción endémico. A viaxe coincidiu coa detención de Dairo Antonio Úsuga David, «Otoniel», o xefe do Clan do Golfo, unha xogada cómplice do destino… Pero a rei morto, rei posto. Marchamos de alí co convencemento de que ás 24 horas da detención, Ontoniel xa tería un substituto. É un holding, unha multinacional con ramificacións en España, en México, nos Estados Unidos, no continente africano… Non se acaba, non acaba máis.

REVISTA ABRIL

Tes por aí algunha outra historia que poidamos acabar coñecendo en forma de libro?

A escrita é coma o xornalismo, cando comezas no oficio analizas se os temas poden dar para unha páxina ou non. Unha vez que fas un libro, empezas a analizar se hai temas que xa coñeces de antemán poderían dar para outra novela. Pero dous dedicado a isto e, aínda que poida parecer un tópico, agora débolle un tempo á familia.

Tamara Novoa
Editora xefa

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.