VIALIA
bannerPicnicSesions

Amazon Prime estrea a serie sobre o Camiño de Santiago ‘3 Camiños’

3 Camiños é un drama con tinguiduras de comedia que explora a relación entre cinco amigos de distintas nacionalidades en tres momentos puntuais das súas vidas. O Camiño actúa de catalizador e escusa para reunilos en cada unha das épocas nas que nos asomamos ás súas vidas. Acompáñanlles historias cheas de emocións, amizades, coraxe, pero tamén decepcións, medo e perdón. A serie xa se pode ver en Amazon Prime Video.

REVISTA ABRIL

Dirixida por Norberto López Amado e Iñaki Mercero e protagonizada por Álex González, Verónica Echegui, Cecilia Suárez, Anna Schimrigk, Andrea Bosca e Alberto Jo Lee, 3 Camiños conta con 8 capítulos de 50 minutos cada un e está dispoñible en Amazon Prime Vídeo en exclusiva desde o pasado 22 de xaneiro de 2021 en todo o mundo. O paso do tempo vai desmontando os soños dos protagonistas, tecendo e destecendo parellas e amizades e transformando a personalidade dos cinco. 2000, 2006 e 2021, tres camiños, tres etapas da vida, moitos problemas, tensións e conflitos do mundo ordinario que se xogan no taboleiro espiritual e material do Camiño de Santiago.

En palabras do director Norberto López, “este proxecto é moi especial para min por moitas razóns, pero sobre todo unha: son galego e é unha honra poder falarlle ao mundo de algo tan máxico e especial como é o Camiño”. En 3 Camiños a música é un elemento central no desenvolvemento narrativo, acompañándolles na súa viaxe física, no transcorrer do tempo e na evolución da historia. O tema central da serie, Caminantes, foi composto por Iván Ferreiro e Andrés Suárez. Ademais completan a banda sonora artistas galegos como Fredi Leis e artistas nacionais como Leiva, Love of Lesbian ou a cantante Annie B. Sweet, que ademais aparece nun dos capítulos interpretándose a si mesma.

Mamen Quintas, produtora executiva, fálanos sobre como expuxeron que o Camiño fose un personaxe máis. “Desde que empezamos a traballar o proxecto e o material sempre tivemos claro que sería un personaxe máis, que as súas cores e cheiros tiñan que traspasar a pantalla e chegar ao espectador. Os lugares por onde pasa fan que te transformes como persoa, iso necesitabamos que se notase na narrativa visual e conceptual, para que isto axudase a entender o arco narrativo dos personaxes, o seu proceso de crecemento persoal tiña que pasar por comprender que O camiño era un deles e tamén lles daba a réplica a cada paso que daban”.