Inventio Teatro: O Camiño desde o futuro
Circo, danza, ilusionismo e música. Inventio ofrece como carta de presentación estes catro conceptos. Unha combinación máxica que invita a pasar un bo rato en familia durante estas festas e avanza unha precisa idea do que o público vai experimentar.
Imaxinemos que, para cando chegue o último ano Xacobeo deste século, alá polo 2094, o Camiño de Santiago e todo o que implica, deixaron de existir. Poñamos tamén que o ser humano é case unha máquina que nin sente nin padece e que tampouco se identifica coa terra que habita. Ese é o escenario en que se atopan os 14 protagonistas desta historia. Entre malabares, acrobacias, equilibrios varios, coreografías, maxia e música o fío condutor leva a audiencia polo vieiro que teñen que percorrer os personaxes para volver conectar co celme galego, coa verdadeira identidade de Galicia.
A mestura, entre a tradición e a modernidade, cuberta á perfección pola fantasía que invade o espectáculo, capta seguido a atención da asistencia. O público adulto vese sorprendido polas reminiscencias de películas como 2001: Unha odisea do espazo ou Blade Runner. Os máis pequenos teñen choutos, coreografías e cores para os manter pegados á butaca. E tanto uns coma outros deben estar preparados para unha posible participación improvisada, a maxia está asegurada!
O espectáculo de Inventio leva meses percorrendo importantes recintos do territorio peninsular, o país veciño incluído, e chega a Vigo co 2023 dando os seus primeiros pasos. Á fronte do gran equipo profesional que o fai posible, cabe destacar a presenza de varios creadores galegos que sen dúbida poden imaxinar de primeira man como sería perder esa identidade.
Entre elas, o director artístico á vez que parte do elenco protagonista Martín Varela, explica como “Inventio fala de todo iso que nos fai ser ‘nós’, iso do que moitas veces non somos conscientes porque son costumes ou tradicións que damos por sentadas e colocamos nun segundo plano”. Polo tanto, a reflexión que se extrae da obra e totalmente aplicable a todas as sociedades e culturas do mundo e dará que pensar e sentir a cada persoa que asista ao auditorio.
Na banda feminina, atopamos entre outras a Conchi Silvent, unha deseñadora ferrolá que tivo a complicada tarefa de “viaxar” no tempo e elaborar 45 pezas futuristas nas que tivo que “innovar, introducir diferentes texturas e combinar tecidos elásticos con outros que non o eran”. Desde logo, parte da experiencia visual da representación é atopar os elementos do vestiario que fan referencia ao Camiño e a outras figuras da nosa cultura e realidade.
En definitiva, dúas datas, con dúas sesións cada unha, para deixarnos levar a un mundo futuro que nos faga reflexionar sobre o que estamos facendo no presente dun xeito divertido, musical e moi máxico.
Datas e horas: martes 3 e mércores ás 17:00 e ás 20:30 h e 4 de xaneiro, ás 17:00 h // Lugar: Auditorio Mar de Vigo // Prezo: entre 16,75 € e 27,50 € (dispoñibles en www.inventio.gal ) // Idade recomendada: todos os públicos // Duración: 120 minutos (con intermedio).
Noelia Álvarez
Redactora