VIALIA
CAMELIAS NADAL

Arribada, rock desde Texas, teatro e mercados para recibir o mes de marzo en Vigo

Outra fin de semana máis traémosvos algúns dos plans máis destacados para estes días de sol, chuvia e nubes. Preme no título de cada evento para máis información. Se queres coñecer todos os eventos que hai esta fin de semana entra na axenda de A Movida.

Jason Kane & The Hive

MERCADO MONA – De xoves a sábado no CC Gran Vía – De balde

O CC Gran Vía acolle a IV Edición do Mercado Mona de Arte e Ilustración que levará a cabo do 29 de febreiro ao 2 de marzo de 10:30 h a 14:00 h e de 16:30 h a 21:00 h na súa Planta 0. Un total de 24 artistas de gran talento, entre os que se atopan: Sapos e Culebras, Craneall, A Caixa da arte, Larissa R Lyra Studio, Yumi, Como peixe na auga, O Recuncho de Juliet, Anxo Guiances, Cornamenta Studio, Bupysbupys, UxíaFranri, Breaktime.art, Jenika, Equilicua, Chula, Aarón Moucho, Komorevi, Loki The Cat, Jose Francisco, Jack Andriano, Basseven, Sylustrando, Inspira Studio e Criser, pasaranse por este espazo. As persoas interesadas poderán gozar do traballo de 8 artistas cada día. O Mercado Mona ofrecerá unha variada selección de mostras de diferentes disciplinas: xoiería, ilustración, cerámica, moda, entre outras, permitindo ás persoas explorar e adquirir pezas únicas e orixinais directamente dos artistas.

FESTA DA ARRIBADA – De venres a domingo en Baiona – De balde

Baiona prepárase para a súa celebración histórica anual, a Arribada. A festa conmemora a chegada do primeiro barco das américas, a carabela Pinta, á vila en 1493. As actividades sucederanse por toda a vila desde o venres 1 de marzo ata o domingo 3. A famosa representación teatral, o evento central da festa, celebrarase o sábado ás 20:00 e domingo 18:30. Outro dos eventos que gozan de grande aceptación é o Gran Torneu Medieval (sábado ás 17:30 e domingo ás 16:30), tamén neste areal.

INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN ‘A GRAN ESTAFA’ – Venres ás 19:30 en Maraca – De balde

Unha exposición colectiva das autoras que participan en El Estafador, a única revista semanal dixital de humor gráfico en España. Unha mostra onde falarase das estafas da vida desde diferentes perspectivas, sempre con agarimo e humor! A exposición está formada por tres mostras individuais de Javirroyo, Laura Tova e Sandra Lodi.

CONCERTOS LA YUKA FUNK E HIGH FIDELITY BAND – Venres ás 22:30 na Sala Máster – Desde 15,00€

Volve á Sala Master La Yuka Funk despois da gran actuación no cuarto festival Rock&Soul para deleitarnos coa súa música negra de ritmos cubanos. Esta vez, da man doutra gran banda de rock High Fidelity Band con máis de dez anos nos escenarios despregan en cada show, un amplo catálogo de hits que abarca os últimos 40 anos do século XX.

‘LA NUEVA NORMALIDAD’ DE ÁLEX CLAVERO – Sábado ás 17:30 e 20:00 – Desde 10,00€

‘La Nueva Normalidad’ é un monólogo cómico que resume todo o que pasou dende marzo de 2020 ata.. – Sempre! Porque isto é para sempre. Todo o que ocorreu por mor do COVID… (Non engado o de 19 porque o virus leva tanto tempo connosco que xa lle podemos falar de ti) Todo foi tan novidoso que merece a pena lembralo e resumilo desde un punto de vista simpático, gracioso, crítico, absurdo… Todo moi estilo Clavero.

ESPECTÁCULO ‘MONSTROS’ – Sábado e domingo ás 18:00 na Sala Ártika – Desde 8,00€

‘MONSTROS’ é un espectáculo familiar que reflexiona sobre aquelo que consideramos monstruoso e tal vez por iso nos aterroriza. Pero faino desde o humor, porque a risa é o mellor antídoto contra o que nos asusta. Este espectáculo é unha viaxe. Acompañando a estes catro personaxes asistimos a un desfile de criaturas terroríficas que nos acaban ensinando que o atroz está nos ollos de quen mira. O que é diferente a nós, por veces, resulta aterrador. Unha vez que nos enfrontamos ao monstro e incluso xogamos construír o noso propio, nós tamén cambiamos. E se non é tan diferente a nós? Agora que nos atrevemos a tocalo coas mans, somos a mesma persoa á que aterrorizaban as sombras? 

VIGOCULTURA: ‘MADE IN GALICIA’ – Sábado ás 20:00 no Auditorio Municipal – 5,00€

Como quen se deixa roubar o seu tesouro máis prezado, a actitude das galegas e dos galegos respecto á súa lingua non “resistiría” ningunha análise. E será que o galego é a lingua máis difícil do mundo? E será que deberemos constituír unha oficina de palabras perdidas? Palabras perdidas, roubadas… Fronte ao “es que no me sale”, “es que no se me da” “MADE IN GALIZA” é un convite á República Independente da nosa lingua. Non imos perdela nin en soños! A obra de Sende (Padrón, 1972) abre as portas ao humor reflexivo, á poética ao alcance de todo o mundo, a través dun texto que move e conmove. O teatro feito emoción, sentimento, plasticidade e confronto. Cada historia é diferente e está protagonizada por personaxes retranqueiros, combativos, tenros, cómicos e poéticos. Aguerrida defensa da lingua galega.

CONCERTOS O RABELO E ESMORGADAS – Sábado ás 20:00 na Sala Kominsky – Desde 8,00€

Tamén hai concerto na sala máis alternativa da cidade: O Rabelo e o colectivo de mulleres DJ Esmorgadas estarán na sala Kominsky.  O Rabelo é un artista de Cerdedo (Pontevedra) que se define coma antifascista, transfeminista e anarquista, a favor da tenrura, os coidados e a violencia reactiva; a súa música é ao resultado de fusionar tradi, rap e reguetón.

CONCERTOS JASON KANE & THE JIVE E JAY & THE SMOKING MACHINES – Sábado ás 21:00 na Sala Rebullón – Desde 15,00€

CAMELIAS NADAL

Nova cita na Rebullón co mellor da escena underground internacional. Desta volta, a sala programa o rock setenteiro de Jason Kane & The Jive, por primeira vez de xira por Europa. Os de San Antonio, Texas, visitarán a Sala Rebulló con Jay & The Smoking Machines como banda convidada. Jason Kane & The Jive confirmouse como un dos grupos que dan nova vida ao Rock & Roll. O seu estilo único combina o rock con sons arraigados no funk, o blues e o soul, influenciado por formacións que definiron unha era, como Led Zeppelin, AC/DC, Ted Nugent, Soundgarden, Grand Funk ou Thin Lizzy. A súa posta en escena está chea de enerxía e brinda aos espectadores unha experiencia única que os deixará coa boca aberta.

FEIRA AMERICANA – Domingo ás 12:30 no Lar das Artes – De balde

Este asador cultural rexentado por Tincho Fernán acolle todos os dmingos actuacións en sesión vermú. O 3 de marzo organizan unha feira de roupa de segunda man ao estilo americano, con sesión musical a cargo de DJ Limón.