COSTEIRASONORA
REVISTA VERAN

Historia, natureza e deporte nunha nova edición de Camiño a Camiño

O programa municipal de educación medioambiental Camiño a Camiño continúa a medrar tras unha década de éxitos, cunha media duns 15.000 participantes por ano. Nos vindeiros catro meses ofertan rutas por Vigo, Tui, Cíes, as Fragas do Eume e Carballiño. Para inscribirse cómpre chamar ao 010 (956 81 02 60 desde móbil) na semana da actividade.

Unha das rutas por Cíes do ano pasado

Este domingo 1 de marzo comeza un novo programa de Camiño a Camiño coa ruta dos canteiros de Matamá, que continuará o 8 cos camiños dos agricultores de Lavadores e o 15 cos das leiteiras de Zamáns. Todos estes itinerarios serán unha mestura ideal entre coñecer a historia destas zonas e dar un agradable paseo pola natureza. Serán gratuítos con saída ás 9:30 desde a Praza do Rei.

A finais de marzo iniciarase o ciclo de camiño histórico Tui-Vigo, comezando o 22 coa etapa Tui-Cousa. Tras ela virá o percorrido ata Vincios o 19 de abril e finalizará en Comesaña o 26 dese mes. Ao igual que os anteriores, serán gratuítos e contarán con 200 prazas. O 10 de maio terá lugar a famosa Andaina polos Montes de Vigo, que celebra a súa VII edición e na que espera poder superar o milleiro de participantes do ano pasado. A información deste evento ampliarase a partir do 27 de abril.

En maio iniciaranse as rutas por Cíes, mais antes haberá unha o día 17 co camiño do románico en Vigo, co mesmo funcionamento que os eventos anteriores en Vigo e Tui. O 24 e o 31 serán as visitas ás illas, cun coste de 8€ e 300 prazas dispoñibles. Esas fins de semana tamén terá lugar a acampada familiar, cunha achega tamén de 8€ para o transporte e ata un máximo de 27 unidades familiares.

Por último, xa en xuño, poderemos gozar das rutas con encanto por Galicia, sendo a primeira polo Parque Natural das Fragas do Eume, o día 7, e o segundo polo camiño dos arrieiros no Carballiño, o día 14. Novamente, o prezo será de 8 euros cunha capacidade de 200 inscritos. Os pagos de todas estas actividades relizaranse na Concellería de Medio Ambiente (2º andar do Concello) ou a través da súa sede electrónica.

SONRIAS

A maiores destes roteiros, haberá unha serie de actividades de voluntariado, como o urbano no Monte da Guía, Montes de Vigo e Río Lagares (mércores e sábados), o de acompañamento de cans no refuxio de Candeán (mércores) e o de sendeiros (martes e xoves). En canto á formación, haberá cursos de hortas urbanas de 1º nivel (7 e 12 de marzo) e 2º nivel (17 de marzo), ademais dun curso de iniciación ao voluntariado medioambiental (7 de marzo e 4 de abril). Podes consultar toda a información na súa web.