REVISTA ABRIL

IgualArte presenta o proxecto ‘Somos 2’ e anuncia vinilo

A Fundación IgualArte é un centro ocupacional onde as persoas con discapacidade poden expresarse libremente e descubrir novas formas de creación artística. Un dos proxectos que levan a cabo é o grupo musical Chungo Pastel, que prepara o seu segundo disco repleto de colaboracións para o ano que vén.

REVISTA ABRIL
Chungo Pastel interpretando ‘Musgo’ na rolda de prensa | Cedida

Chungo Pastel é unha das moitas iniciativas creativas saídas da Fundación IgualArte. Trátase dun grupo musical formado por catro integrantes, tres deles con diversidade funcional, que ademais de tocar versións tamén compoñen temas propios. As letras destas cancións xurden dos obradoiros de escrita creativa que realizan dentro da Fundación.

O proxecto Somos 2 é un conxunto de 10 temas propios que Chungo Pastel gravaron baixo a batuta do músico e produtor Paco Serén, exintegrante de los Piratas. Este disco, que sairá en formato vinilo, ten previsto o seu lanzamento no mes de xuño de 2023. A portada corre a cargo de Diseñatas, o equipo de deseño gráfico de IgualArte. Na rolda de prensa de presentación, celebrada na cafetería de El Corte Inglés, adiantaron un dos temas do álbum, ‘Musgo’, un fermoso canto a Galicia con letra de Eva García, usuaria do centro.

En Somos 2 atoparemos numerosas colaboracións con outros artistas galegos e do resto do Estado, dos que polo momento só coñecemos a Antonio Orozco, que se encargou de interpretar a canción ‘Piel’. En anteriores edicións prestaron a súa voz diversos artistas locais, como Silvia SuperestarWöyza, Dakidarría, Kaixo, Ganjahr Family, Xermán BugalloHigh Paw e Inerttes. Ademais de gravar estes temas, a banda Chungo Pastel realiza de xeito habitual actuacións en directo. Nos últimos meses actuaron en A Coruña, Viveiro, Vialia e na Gala de Bicos de Papel, ademais de nalgúns centros educativos.