VIALIA
Encordass Fiddle Fest

Ideas de disfrace para unha entroidada moi nosa

Ademais do cocido, as filloas e as orellas, o Entroido é, ante todo, tempo de disfraces. Con todo, a orixinalidade propia desta época vese decote absorbida pola tendencia mainstream de cada momento: ultimamente vimos un feixe de personaxes sacados de títulos como Joker, Peaky Blinders, Squid Game… Seguro que este ano pasa o mesmo con Mércores Addams. Para contrarrestar tal invasión, propoñemos botarnos á reconquista do carnaval vigués, para o que propoñemos ideas moi de noso.

Celestino

Todos queremos que Celestino volva a Balaídos durante este ano tan especial en que o Celta celebra o centenario. Mentres que Carlos Mouriño e compañía se deciden, podémonos enfundar na equipaxe celeste máis vellaque teñamos á man, e anoar a bufanda en torno á máscara de cabezudo narigón que fagamos con papel de periódico e cola branca, ao xeito do programa Art Attack. Para os máis afoutos, propoñemos como alternativa vintage o disfrace da mascota predecesora, a gaivota Nocho.

Señorita Bubble

Mergullámonos na ficción literaria a través dun dos personaxes máis destacados da escritora viguesa Ledicia Costas, a protagonista do libro infantil A señorita Bubble. O modelo que viste nas ilustracións de Andrés Meixide é ben recoñecible: sombreiro con forma de cheminea, vestido gótico, medias a raias brancas e negras, parche no ollo esquerdo e perruca de cor vermella. Unha alternativa máis atrevida dentro da tendencia gótica da autora pode ser esmerarnos coa maquillaxe para nos encarnar en Escarlatina, a cociñeira defunta. De medo.

Siniestro Total

Este será o primeiro ano, pandemia á parte, en que a banda Siniestro Total non suba a ningún escenario desde 1982. Ao longo destas catro décadas pasadas, a cuadrilla deixou looks para o recordo: a camiseta do álbum Ante todo mucha calma (1992), as botas militares e os pantalóns do disco En beneficio de todos (1990) ou o estrafalario conxunto que locen Julián Hernández, Miguel Costas e Alberto Torrado na portada de Menos mal que nos queda Portugal (1984). Recomendamos este último, bicicleta incluída, polo casco coa bandeira de Vigo.

Mítica Jicha de Vigo

A moda do cambio de século deixou unha pegada ben fonda no imaxinario colectivo destes lares. A conta do Mítico Jicho de Vigo así o recolle en hilarantes publicacións desde hai uns anos. Apostando pola moda malota, para os homes, propoñemos levar o pelo pincho, chaqueta náutica azul da marca «Slam», camiseta de «El Niño», pantalón pirata de «Rottweiler» e tenis grandes de «Etnies» ou «Osiris»; para as mulleres, recomendamos o pelo engomado, un diadema ancho de cor branca, camiseta de «Roxy», mallas deportivas acampanadas de «Naffta» e botas «Art». Un disfrace eskiso, perfecto para brindar cuns chopos no mítico bar O Ovo.

REVISTA MAIO
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.