Humor e acrobacias con Starlake ‘El circo de la fantasía’
Starlake ‘El circo de la fantasía’ propón un espectáculo no que o humor e as acrobacias son os verdadeiros protagonistas. Pequenos e maiores entretéñense por igual coa nova produción de Evolution Circus que permanecerá en Vigo ata o 18 de marzo.
- Foto de Tamara Novoa
- Foto de Tamara Novoa
- Foto de Tamara Novoa
- Foto de Tamara Novoa
- Foto de Tamara Novoa
- Foto de Tamara Novoa
- Foto de Tamara Novoa
- Foto de Tamara Novoa
- Foto de Tamara Novoa
- Foto de Tamara Novoa
Starlake non é un circo ao uso. A primeira gran diferenza é que no espectáculo non interveñen animais, senón que está baseado única e exclusivamente en resaltar as facetas dos artistas que actúan. A protagonista do show é unha nena e a través do conto que pola noite lle le o seu pai antes de ir durmir, viaxamos por diferentes mundos máxicos.
Quizais o máis rechamante do circo son os espectáculos de acrobacias que se van sucedendo. Os diferentes pases suscitaron os suspiros de abraio e os aplausos do público, que vía con asombro como os artistas sobrevoaban as súas cabezas facendo piruetas, equilibrismos e acrobacias.
Estes espectáculos acrobáticos vanse intercalando coa aparición en escena dos pallasos, que provocan as risas dos máis pequenos coas súas pezas humorísticas nas que o absurdo está moi presente. Os pallasos buscan a continúa interacción cos espectadores e en numerosas ocasións persoas do público son convidadas a saír ao escenario.
O show dura algo máis de dúas horas cun descanso no medio, durante o que personaxes da Patrulla Canina saen ao escenario para ledicia dos máis pequechos.
Se ben o espectáculo é unha boa opción para todos aqueles que están a procura dunha actividade para facer en familia na que tanto pequenos como maiores se entreteñan, o custe para acudir todos xuntos pode parecer un pouco elevado. Cremos que o risco e a espectacularidade dos diferentes números merecen o prezo pagado. Non obstante, no empeño de Evolution Circus de promover unha forma diferente de facer circo, tamén debería fuxir de paradigmas pasados que incitan aos nenos a consumir. Entendemos que o fan como unha segunda fonte de ingresos para sufragar os gastos, pero cremos que non é o modelo máis adecuado. Tamén é certo, que moitos pais e nais que alí mercaron espadas luminosas, pombiñas (etc.) posiblemente non estarían dispostos a pagar máis pola entrada do espectáculo. Quizais, é momento de que todos poñamos en valor o mundo artístico.
Tamara Novoa
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Anxo Pintos: «Cómpre unha programación municipal que garanta a presenza de grupos galegos» - 1 Abril, 2026
- Anxos Fazáns: «Hai un xesto político en colocar unha muller madura e un rapaz trans no centro da historia» - 25 Febreiro, 2026
- Abraham Boba: «Gustaríame tocar máis aquí, pero non temos onde actuar» - 26 Xaneiro, 2026
- Un libro pioneiro desvela a orixe das rondallas - 15 Xaneiro, 2026
- Chega ao cine ‘Rondallas’, o filme que avoga polo poder da comunidade - 31 Decembro, 2025










