Guns N’ Roses, eternos
Malia as ameazas de cancelación e as acusacións de prevaricación no Concello, Guns N’ Roses ofreceu un recital de tres horas e media no que repasaron, quizais en exceso, toda a súa discografía. A chuvia apenas fixo acto de presenza nunha noite histórica para os afeccionados ao rock. Consulta aquí o setlist.
Dúas eran as principais ameazas para que o concerto de Guns N’ Roses non se celebrase: o concurso público de patrocinio de 1,9 millóns de euros que quedou deserto e a chuvia. Sobre a primeiro terá que dar explicacións o alcalde Abel Caballero, quen leva máis dunha semana ser dar roldas de prensa despois dunha década ofrecendo unha diariamente. E sobre a segunda, o destino quixo que só unhas poucas gotas mollaran aos miles de fans que se achegaron ao estadio de Balaídos para desfrutar dunha longa noite de rock.
The Pretenders saíron puntuais ao escenario ás 20:00, e alí defenderon con solvencia o seu cancioneiro, entre as que destacan ‘I’ll Stand by you’ ou ‘Don’t get me wrong’. A banda liderada por Chrissie Hynde, único membro orixinal da agrupación xunto co batería Martin Chambers, soou máis potente que en estudio, decisión coherente cando exerces de abreconcertos dunha das bandas máis ruidosas do mundo.
Ás 21:30 pasadas Axl Rose, Slash, Duff McKagan e compañía sairón ao gran palco e abriron con ‘It’s so Easy’, un dos temas máis famosos do seu debut Aptetite for Destruction (1987). A selección dos temas iniciais resulta curiosa, pois interpretaron dúas covers (‘Live and Let Die’ de Wings e ‘Slither’ de Velvet Revolver, grupo que formaron Slash e McKagan ao saír de GnR) e o tema ‘Chinesese Democracy’ do disco homónimo, polo xeral o menos valorado polos seguidores. ‘Mr. Browstone’ e, sobre todo, o gran hit ‘Welcome to the Jungle’ levaron ao éxtase a toda a xente reunida no estadio celtiña. ‘Estranged’ ou ‘Rocket Queen’ tamén foron moi celebradas polos seareiros.
A chuvia apareceu mentres os californianos interpretaban ‘Pretty tied up’ e ‘Reckless live’. A balada ‘This I love’, novamente do álbum maldito, non acabou de soar ben, cun Axl Rose voluntarioso pero incapaz de manexar correctamente a súa voz. Esa foi unha das constantes do concerto: a irregularidade vocal do frontman. Non se lle pode negar actitude, enerxía e fondo de armario (cambiou unha decena de veces de roupa, a maioría camisetas con imaxes de mulleres lixeiras de roupa; a famosa bandana non fixo acto de presenza), pero a súa voz non é a que era a pesar de que el segue tentando demostrar que nada cambiou. A súa amplísima tesitura (Axl pode cantar moi grave e moi agudo nun mesmo tema) é moi difícil de defender en vivo, e malia o seu esforzo, moitas interpretacións soaron a medio gas, entre o susurro inaudible, o miaño incómodo e o golpe sonoro molesto. Que o concerto durase tres horas e media seguro que tampouco axudou a preservar a súa frescura vocal.
Este tema, o da duración, merece unha análise á parte. Os concertos de Bruce Springsteen, por exemplo, adoitan achegarse ás tres horas, pero falamos dun artista que ten unha vintena de discos ás costas. Pola súa banda, Guns N Roses só conta con seis álbumes, un deles bastante irrelevante e outro de versións. Non se pode manter o interese nun show de tres horas e media cun repertorio tan limitado e tan similar, con moitas cancións que soan moi parecidas entre si e con contínuos solos de guitarra eternos cada pouco tempo. Slash, con todas as súas virtudes, non é recoñecido como un dos guitarristas máis creativos e orixinais do panorama rock. O seu onanismo as seis cordas fíxose excesivo, en especial a medida que as agullas avanzaban no reloxo.
Os estadounidenses interpretaron todos os seus grandes éxitos agás ‘Don’t cry’, algo inexplicable despois dun concerto tan longo e con tanto recheo. Despois de ‘Sweet Child O’ Mine’ veu un tramo algo frouxo con ‘Locomotive’, ‘Wichita Lineman’ e ‘Prostitute’, salvado grazas á única chuvia que quería o público, ‘November Rain’. ‘Knockin’ on heaven’s door’ e ‘Nightrain’ pecharon unha actuación á que aínda llequedaban outras catro balas máis: un anodino ‘Sorry’ (adiviñade de que disco é), a fermosura acústica ‘Patience’, a enérxica ‘Yesterdays’ e, para rematar, fin de festa con ‘Paradise City’.
Os fans máis acérrimos dos Guns seguro que gozaron de xeito superlativo deste monumento ao hard rock, pero teño a sensación de que gran parte do público marchou a casa un pouco saturado polo exceso. Exceso de tempo, de solos de guitarra e dun rock en ocasións algo plano. A química entre os membros foi máis ben escasa (de cando en vez Axl apoiaba a man no ombreiro de Slash mostrando compadreo) e a interacción co público tamén. Como adoita acontecer nos estadios, a acústica nas gradas é bastante deficiente, con contínuos rebotes de son e pouca fidelidade musical, o que tampouco axuda a valorar obxectivamente un espectáculo así. Despois de tanta lea entre Concello e promotora, se non queriamos Guns, toma dúas cuncas.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024