REVISTA ABRIL

Guns n Roses, altos e baixos dos reis da xungla

Unha vez confirmada a celebración do concerto de Guns n Roses, malia que a promotora local Sweet Nocturna non vai recibir os case dous millóns de euros en forma de patrocinio público, é un bo momento para repasar a particular historia da banda californania antes do seu concerto en Balaídos este luns 12.

Ao longo de catro décadas Guns n Roses ben sabe o que é estar na cresta da ola e tamén no máis profundo do océano. O seu primeiro álbum en 1987, Appetite for Destruction, é considerado como un dos grandes debuts da historia do rock, polo menos en canto a ventas. Máis de 28 millóns de copias vendidas por todo o mundo e 18 discos de platino en EEUU abalan un inicio pletórico que contiña temas como ‘Welcome to the Jungle’, ‘Paradise City’, ‘Sweet Child O’ Mine’ ou ‘It’s so Easy’. Unha bomba de reloxería que marcou o son dunha época e os elevou ao máis alto do olimpo do rock.

No seguinte lustro publicaron catro discos máis, un deles de versións, todos con peor acollida ca o primeiro, pero con cancións xa míticas como ‘November Rain’, ‘Patience’, ‘Don’t Cry’, ‘You Could Be Mine’ ou ‘Civil War’. Tamén fixeron famosas versións de artistas de primeiro nivel: Paul McCartney, Aerosmith, The Sex Pistols, The Rolling Stones, The Stooges ou Bob Dylan pasaron polo seu prisma. De feito, a súa cover de ‘Knocking on Heavens Door’ ten máis escoitas en Spotify que a orixinal de Dylan (quen, por certo, tamén está a xirar agora por España).

Alén da música, a súa actitude macarra tamén deu moito que falar nos seus inicios: habitacións de hotel destrozadas, problemas coa autoridade, concertos que se convertían en batallas campais, mexadas nos pasillos dos avións, pelexas en bares… Nos anos noventa comeza a decadencia da banda polos diferentes problemas persoais entre os membros. Izzy Stradlin, guitarrista rítmico e un dos principais compositores, marcha en 1991. A gran desbandada ten lugar a partir de 1994, coa saída de Slash, Duff McKagan e Matt Sorum, guitarrista, baixista e batería respectivamente. A mala xestión das drogas e dos egos foron os grandes detonantes. En resumo, só quedaba Axl Rose da formación orixinal.

REVISTA ABRIL

En lugar de disolver a banda, Rose continuou con Guns n Roses e contratou diferentes músicos para cubrir os ocos que deixaran os seus excompañeiros. Neses anos desfilaron pola banda Dave Navarro (ex-Jane Adictions e Red Hot Chili Peppers), Josh Freese (actual batería de Foo Fighters), Buckethead e unha ducia máis. Axl e compañía comezaron a finais do século XX a preparar o álbum Chinese Democracy, que acabaría por ver a luz en 2007 sen pena nin gloria. Este álbum, que tardou máis de dez anos en realizarse (en contraposición coas dez horas que tardaron os Beatles en gravar o seu debut), está considerado a produción discográfica máis cara da historia, cun custe de 13 millóns de euros.

Neste período, o resto de músicos continuaron con proxectos paralelos como Slash’s Snakepit, Loaded ou Velvet Revolver, onde se xuntaron varios deles. En 2016 Slash e McKagan volveron para a xira Not in this lifetime tour, na que Stadlin decidiu non participar porque “o reparto da tarta non era igual para todos”. Como curiosidade, sinalar tamén que ese ano Axl Rose exerceu de vocalista de ACDC durante unha xira na que Brian Johnson tivo que ausentarse por problemas auditivos. Nesas xiras Rose tivo que ofrecer varios concertos sentado debido a unha fractura no pé esquerdo. Na banda actual, que actúa en Balaídos este luns 12 de xuño, están Axl Rose (de pé, esperemos), Slash e Duff McKagan da formación orixinal; Dizzy Reed, membro desde 1990; e Richard Fortus, Frank Ferrer e Melissa Reese, últimas incorporacións.

No seu concerto en Tel Aviv o pasado 5 de xuño interpretaron 31 cancións, polo que se espera un setlist similar no estadio vigués e, en consecuencia, un concerto de bastante duración. Como era de esperar, nesta lista non faltan as súas cancións máis famosas, que farán as delicias dos fans e e do resto de asistentes. A parada en Vigo, que a piques estivo de truncarse polo baleiro no concurso público dun patrocinio de 1,9 millóns de euros, é a única que ten lugar en España xunto coa actuación o 9 de xuño no estadio Metropolitano de Madrid. Aínda quedan entradas en diversas zonas do estadio vigués para gozar dun dos grandes concertos da historia recente da cidade.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.