Gran presenza galega nos Iberian Festival Awards deste mércores no Teatro Afundación
A noite do mércores albergará no Teatro Afundación os Iberian Festival Awards, a entrega de premios que recoñecerá aos mellores festivais musicais de toda a península. Entre as bandas que actuarán están os vigueses Kings of the Beach e Disco Las Palmeras!
Vigo é a cidade escollida para albergar os Iberian Festival Awards deste ano, que forma parte do Talkfest, un foro internacional de festivais de música. A entrega de premios será este mércores 13 de marzo, mentres que a parte das conferencias, encontros, documentais e presentacións será en Lisboa o 22 deste mes.
A gala comezará arredor das 20:30 no Teatro Afundación e rematará sobre a 1:30, despois da afterparty que haberá a partir da medianoite. Neste evento internacional coñeceremos os gañadores das 23 categorías, nas que atopamos moitos festivais galegos entre os nominados: O Son do Camiño, Atlantic Fest, Resurrection Fest, Super Bock Under Fest, Caudal Fest, PortAmérica, Revenidas, Sonrías Baixas, Festival 17º Ribeira Sacra, Sinsal, WOS Festival, FIV de Vilalba… demostrando o poderío da oferta festivaleira galega.
Durante a gala haberá diferentes actuacións musicais, entre as que atopamos aos vigueses Kings of the Beach e Disco Las Palmeras!, as galegas Vudú e aos portugueses Bezegol & Rude Bwoy Banda, Filipe Sambado, Joana Espadinha e a DJ Diana Oliveira. Esta última será a encargada de poñer música tanto na festa previa ao comezo dos premios como na posterior.
Estes premios, que xa van pola súa cuarta edición, recoñecen a contribución e os logros dos distintos festivais peninsulares ao longo do pasado ano. Desta forma pretenden fortalecer os lazos de colaboración entre os dous países. Aínda podes adquirir as entradas tanto para os Iberian Festival Awards deste mércores como para o Talkfest do venres 22 en Lisboa nesta ligazón.