CAMELIAS MASCOTAS

Gocho: a volta da hamburguesa esmagada

A smash burger é a volta da hamburguesa á categoría de comida rápida á que pertencía non hai tantos anos. Un novo estilo inspirado na hamburguesas de antes, pensadas para cociñarse e comerse rapidamente, pero que non queren renunciar á calidade do produto. Un estilo do que en Vigo saca peito a hamburguesería Gocho.

Juan e Luis, tivérono claro cando viron o éxito na Arxentina e en Madrid, e en marzo deste ano abriron o primeiro local especializado en smash burgers de Vigo na que unicamente se prepara comida para levar. «Non ter servizo de sala permítenos ser moi rápidos cos pedidos e que a hamburguesa chegue sempre perfecta a domicilio», explica Luis, consumidor habitual deste produto que acusaba certa tardanza na entrega por parte das hamburgueserías convencionais.

A aposta por un servizo rápido non implica renunciar á carne de alta calidade: costela, croca, faldra e graxa de vaca galega pícanse a diario no local. En canto á hamburguesa, a smash é un retorno ao básico: carne de vacún, queixo e pouco máis. O nome vén dado polo grosor e pola forma de cociñar a carne. A técnica, importada dos Estados Unidos, consiste en usar bólas de carne de non máis de 100 gramos que se esmagan nunha prancha moi quente tal e como saen da neveira.

REVISTA NOVEMBRO

O choque térmico produce un acaramelado veloz, chamado reacción de Maillard, que potencia o sabor e sela o exterior da carne cunha codia que preserva os zumes propios que lle dan textura e sabor. En Gocho métense dúas racións de carne dentro dun bolo de pan brioche e acompáñase dos complementos clásicos máis propios dos dinners estadounidenses e mais unha salsa elaborada cunha receita da casa.

Luis cóntanos que das cinco receitas que teñen na web hai dúas que están a triunfar especialmente: a «Old School», con queixo gouda afumado, cebola acaramelada, bacon e salsa; e a «Trufada», a que máis honra o nome do local, con leituga, cebola bacon e unha luxuriosa salsa de maionesa trufada. Tamén se pode pedir a «Clásica», con queixo e cogombros; ou a «Spicy», con salsa picante. Pódense recoller no número 12 da rúa de Grirona ou pedilas a través da súa web e vía Glovo. Todas chegan á casa acompañadas de patacas, un detalle simpático e, por suposto, a fume de carozo.

@gocho.vigo | gochoburgers.com

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.